CulturaCulturaOpiniónÚltima hora

“Letras do noso tempo”, a literatura universal do século XX segundo Fernández del Riego

Artigo de Julio Pérez Veiga sobre o autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas

Francisco Fernández del Riego/ Foto: Carlos G. Hervella.

 

En decembro do 2000, aparecía neste periódico unha entrevista realizada a Francisco Fernández del Riego, daquela o intelectual lugués era presidente da Real Academia Galega da lingua. Naquela entrevista manifestaba que os dous mellores libros que escribira, para ser máis exactos, dos que se sentía máis satisfeito, eran Letras do noso tempo e A pegada das viaxes.

Ímonos deter no primeiro deles, Letras do noso tempo; un libro que aparecía en 1974, publicado en Galaxia, a editorial que el mesmo contribuíra a crear ao encetar a década dos cincuenta. O volume, nas propias palabras de Fernández del Riego, é unha aproximación á literatura universal dos dous primeiros terzos do século XX, unha incursión pouco común na bibliografía en lingua galega ata esas datas. Amosa, por tanto, unha clara vocación de proporcionar ao lector galego, e en galego, as innovadoras direccións da literatura universal dese período do pasado século

A estrutura externa do libro artéllase en nove capítulos de distinta extensión e profundidade ; ás veces detense dabondo no estudo dun autor ou obra, noutras, pasa brevemente polo seu contido, aínda que dando pinceladas ben definitorias de cada autor e movemento e sempre atento ás características innovadoras e ao estilo singular dos escritores estudados. Serán fundamentalmente a prosa e o teatro os xéneros nos que centre o seu estudo, só en contadas ocasións aborda a poesía. Complétase o texto con ilustracións en branco e negro, basicamente fotografías dos autores tratados.

Despois dun limiar onde explica a intención da obra e na que destaca a afirmación de que a literatura é tanto unha innovación como unha herdanza, aborda no primeiro capítulo un repaso panorámico á literatura norteamericana e detense na obra das figuras máis sobranceiras da Xeración Perdida: un grupo de escritores que xorden nos anos posteriores a Primeira Guerra Mundial que revitalizaron a novela americana e mundial. Desde John Dos Pasos, coa  súa mecánica obxectividade como elemento caracterizador, ata Hemingway, autor dun estilo limpo, espido, incluso antiliterario;  pasando por Faulkner, dotado desa forma de escribir coidada ata o extremo; Steinbeck, capaz de conceptuar a novela como drama; Miller, calificado como “o enfant terrible” da literatura norteamericana, ao que Del Riego xa dedicara un extenso e moi interesante artigo no número trinta e sete da revista Grial, en 1972; Truman Capote, un autor diferente e singular onde os haxa; Kerouac, figura esencial do movemento Beat e Norman Mailer, que achega a novela á historia; sen dúbida, todo un monllo de escritores excepcionais.

O segundo capítulo dedícao a novela francesa contemporánea, abranguendo desde Louis F. Celine ata o “Nouveau Roman”, sen olvidar os existencialistas, personalizados na novela filosófica de Sartre, Simone de Beauvoir e Camus. Del Riego xa se interesara especialmente por esta literatura en anos precedentes nos cadernos da revista Grial. Así aparecen artigos dedicados a Camus, ao Nouveau Roman ou a Brecht; feito que amosa a querencia pola literatura do país veciño. Considera que os precursores desta nova novela francesa hai que buscalos en Proust, Bernanos e Malraux. Nas últimas liñas da introdución deste capítulo advirte que para os novelistas desta época o autor que non sexa capaz de “ollar con senso filosófico” non será capaz de dar solucións á problemática da sociedade.

Menor atención presta á literatura inglesa e grega. Da primeira, que titula escuetamente “Tres escritores ingleses”, traza unhas liñas da novela confesional de Graham Greene; reseña a emblemática Pincher Martin de William Golding e define a Lawrence Durrell como mestre da prosa narrativa-descritiva. No capítulo dedicado á literatura grega repara unicamente no dramaturgo Kazantzakis e no poeta Jorge Seferis.

O quinto apartado do libro está dedicado ao Neorrealismo italiano. Fernández Del Riego reseña os autores que escriben nas décadas centrais do século, desde 1940 ata 1970. Comeza co anovador estilo de Dino Buzatti, para profundar nas figuras de Moravia, Vittorini e Cesare Pavese. Non se olvida de repasar aspectos das obras de Pasolini, Pratolini, Cassola e Italo Calvino como autores que buscan unha arte máis comprometida e social que plasme a realidade dun país saído da propaganda fascista.

No seguinte capítulo, céntrase nos autores alemáns que triunfan nos anos posteriores á Segunda Guerrra Mundial. A narrativa do desengano de Heinrich Boöll, implacable coa inxustiza nazi; a narrativa imaxinativa e de denuncia de Gunther Grass, xunto á interpretación dos libros máis significativos de Nossack, Handke e Kassacka.

No sétimo apartado aborda a literatura hispanoamericana das décadas dos cincuenta e sesenta. O espertar do que se lle chamará o “Boom da literatura hispanoamericana” e que el nomea como literatura do “Orbe novo” vai ser a cerna deste apartado. Aclara nas primeiras páxinas, a modo de introdución, que nos anos sesenta aparece unha novela innovadora onde se xunta o real co fantástico, o tratamento cíclico do tempo coa multiplicidade de perspectivas narrativas e a experimentación a todos os niveis.  Conclúe afirmando que o labor destes escritores –Borges, Cortázar, Rulfo, Llosa, Carpentier, García Márquez… – era brincar desde o rexionalismo ata a creación dunha literatura universal. Como ocorre nos capítulos precedentes, Del Riego céntrase nas grandes obras destes autores que teñen como denominador común unha reflexión encol da violencia. Tamén estuda a obra do autor brasileiro Guimaráes Rosa, magnífico autor de relatos curtos e gran innovador da literatura brasileira.

Os dous últimos capítulos do libro están dedicados ao teatro. O apartado oitavo é unha ollada transversal á produción dramática universal pola que transcorren autores franceses, alemáns, suízos e norteamericanos. Na última das monografías fai un repaso polo Teatro do Absurdo, xurdido en París polo ano 1950 que, na súa opinión, alcanza o cume coa obra Esperando a Godot de Samuel Beckett. Repara na curiosidade de que este movemento tan localizado na capital francesa sexa cultivado por autores que chegan doutros países como Adamov, Ionesco e o propio Beckett.

Del Riego pecha o libro cunha referencia ao movemento Off-Broadway, nacido pouco despois da Segunda Guerra Mundial en Estados Unidos. Un teatro diferente, alleo aos fins comerciais e representado fóra das salas do centro neurálxico de Times Square. Conclúe que todas as obras do Teatro do absurdo posúen características comúns como son a escasa nómina de personaxes, o recurso do monólogo perante personaxes inexistentes e a recorrente preocupación polo corpo humano.

Poderiamos considerar Letras do noso tempo como unha aproximación demasiado curta para tan longo e intenso período de produción literaria abarcado e hai que notar que todo o texto é puramente teórico: non hai un só exemplo de fragmentos literarios. Sen embargo aporta un achegamento obxectivo á singularidade estilística de cada autor. O libro ten o valor da inmediatez que supuña ter un texto case contemporáneo aos contidos estudados, pero que á luz do século XXI se queda escaso tanto no contido como no seu tratamento, xa que logo precisa de lecturas complementarias para poñer ao día todo o seu contido.

Texto: Julio Pérez Veiga.

Artigos relacionados

Back to top button