SanidadeÚltima hora

Licítanse por 2,7 millóns de euros as obras para a creación da nova área de Hemodinámica de Ourense

Nas obras inclúese a instalación dos novos equipos xa adxudicados de radioloxía e neurorradioloxía vascular intervencionista que suporán un investimento de case tres millóns de euros en equipamento para esta área sanitaria

Exterior do Hospital Universitario de Ourense./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A Xunta de Galicia vén de licitar, por un importe de 2,7 millóns de euros, as obras para a creación dunha nova área de Cardioloxía Intervencionista e Hemodinámica e de ampliación para a instalación dos novos equipos de radioloxía e neurorradioloxía vascular intervencionista no Hospital Universitario de Ourense.

Estas obras permitirán duplicar o espazo dispoñible para Radioloxía Vascular Intervencionista, na sexta planta do Hospital Universitario de Ourense, no edificio Cristal, que pasará de ter ter unha sala a dúas, ocupando o espazo onde ata agora se sitúa hemodinámica, para instalar así os dous equipos que veñen de ser adxudicados, por un importe próximo aos tres millóns de euros, no marco dos fondos Next Generation, co obxectivo de ampliar e modernizar o equipamento tecnolóxico dos hospitais públicos de Galicia.

En paralelo a esta obra, na quinta planta do Edificio Cirúrxico adaptarase unha nova área específicamente deseñada para acoller a unidade de Cardioloxía Intervencionista, na que xa se instalará o novo equipamento de hemodinámica que a Xunta de Galicia ten previsto licitar no marco do plan de renovación de equipamento, así como unha sala de electrofisioloxía.

A secuenciación do conxunto de traballos en ambas plantas do Universitario de Ourense, está establecido no anteproxecto elaborado desde a Área Sanitaria, para permitir instalar os equipos xa adxudicados, e cun prazo de entrega de dez meses, e limitar o efecto das reformas na actividade asistencial.

“Esta obra reforza e posibilita a modernización tecnolóxica dos equipos de alta tecnoloxía do servizo Galego de Saúde, reforzando así o goberno galego as capacidade asistencial dos centros sanitarios públicos, o que supón un incremento da supervivencia global e a calidade de vida da cidadanía da nosa comunidade, mediante o diagnóstico de enfermidades en estadíos temperáns”, segundo o Sergas.

Investimentos en equipamento

Os novos equipos xa adxudicados son dous anxiográfos, un por un importe de 877.613 €, e outro biplano para intervenciones neurovasculares, que ascende a 1.225.972 euros, cun TC incorporado de última xeración, o que permitirá a abordaxe de patoloxías cerebrais e da columna vertebral, como o tratamento de aneurismas e malformacións arteriovenosas cerebrais, así como realizar trombectomías (extracción dun trombo que bloquea a circulación de sangue), un dos tratamentos aplicados ao ictus, que co novo equipo poderá realizarse directamente desde esta Área Sanitaria, sen necesidade de traslados a outros hospitais.

Igualmente o novo equipamento de Cardioloxía Intervencionista do Hospital Universitario de Ourense, que ascende aos 830.000 euros, está incluido nunha licitación de sete novos equipos de hemodinámica para os hospitais das áreas sanitarias, autorizada o pasado 4 de agosto polo goberno galego, por importe de preto de seis millóns de euros, o que permitirá que accedan a última tecnoloxía.

Os Orzamentos da Xunta de Galicia para este ano incorporan o uso de máis de 60 millóns de euros de Fondos Next Generation para adquirir máis de 70 novos equipos para o Sergas. En particular, a Área Sanitaria de Ourense benefíciase dunha ampla partida, superior aos 13 millóns de euros, para adquirir catorce novos equipos de alta tecnoloxía, accedendo a novos servizos como o anxiógrafo de neurorradioloxía ademais dun PET-TC, que permitirán aos pacientes de Ourense ser atendidos directamente na provincia.

Artigos relacionados

Back to top button