ConcellosÚltima hora

“Life Regenera”, un proxecto para mellorar a calidade da auga do río Limia

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil executa, no marco deste programa, dúas actuacións adxudicadas por importe de 327.945 euros
Imaxe dunha das actuacións do proxecto "Life Regenera Limia"./ Foto: CHMS.
Imaxe dunha das actuacións do proxecto “Life Regenera Limia”./ Foto: CHMS.

A Confederación Miño-Sil (CMS) traballa na mellora da calidade da auga do río Limia empregando métodos naturais de retención, filtrado e asimilación dos nutrintes a través do proxecto denonimado “LIFE Regenera Limia”. Nestes momentos leva adiante dúas actuacións: as accións B3 e B4, que teñen sido licitadas por un importe total de 545.000 euros e adxudicáronse por 327.945 euros.

A través da súa acción B3 executarase o proxecto de recuperación do antigo trazado do río Limia nas Veigas de San Lorenzo en Rairiz de Veiga (Ourense), “conectándoo co río Limia con dúas obras de drenaxe, provocando que nos meses húmidos a auga volva circular polo antigo cauce e a súa chaira de inundación para que a vexetación de ribeira realice a función de retención e asimilación dos nutrintes presentes na auga”, segundo o organismo de conca. Deste xeito coa rexeneración do ecosistema fluvial mellorarase o estado de boa conservación dos hábitats naturais de especies presentes na zona recollidos na Rede Natura 2000.

Por outra banda, coa Acción B4 faise no municipio de Sandiás (Ourense) a conexión de dúas charcas en desuso da explotación areeira coa Canle de A Lagoa de Antela. Para iso estanse a construír “tres obras de paso, instalando tres illas frotantes e revexetando as beiras, a través do que se conseguirá que a auga recircule polas charcas no período húmido e vexa reducida a súa presenza en nutrientes pola acción de asimilación das raíces das plantas”, indica a confederación. Esta intervención considérase moi beneficiosa para as aves que habitan nesta ZEPA (Zona de Especial Protección de Aves) da Limia.

Máis información sobre o proxecto Life Regenera Limia:
http://regeneralimia.org/

Artigos relacionados

Back to top button