EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Madrid réndese aos viños premiados nas Catas de Galicia nun concorrido “Túnel de Harmonías”

 

Os máis de 30 viños premiados nas Catas de Galicia podían degustarse onte na Casa de Galicia en Madrid. O conselleiro de Medio Rural da Xunta de Galicia, José González, acompañado polo director da Axencia Galega dá Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, exercía de introdutor ao Túnel de Harmonías no que participaban un cento de persoas, nun acto que supoñía tamén unha inédita maridaxe entre viños, augardentes, licores e alimentos galegos con indicativo de calidade. Unha iniciativa que colmou as expectativas da organización dado o éxito da convocatoria cuxas prazas, limitadas polo aforo, foron rapidamente cubertas.

“Unha verdadeira arte”. Así definía o conselleiro o proceso de elaboración dos viños e destilados seleccionados. “En cada copa de viño galego hai unha historia dunha produción de calidade”, reiterou na alocución que deu paso ao Túnel de Harmonías e tras a masterclass “Domesticación da vide en Galicia”, dirixida por Alejandro Paadín.

José González lembraba que a vendima deste 2023 foi a máis abundante da última década e, desde ese punto de partida, quixo remarcar todo o que leva emparellado o viño. Por exemplo, o enoturismo, do que Galicia quere ser “principal destino. A Xunta estea comprometida con promocionar viño e territorio, en conxunto, algo que se plasma na Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia”.

Como preludio á degustación, que se prolongou durante máis de dúas horas e na que exerceron de perfectas guías as fichas de harmonías, José González expuxo a transcendencia económica do sector. Despois catábanse os viños, augardentes e licores galegos, harmonizados cos seus veciños alimentos de primeira calidade -queixos San Simón, Teto, Arzúa Ulloa e Cebreiro; castaña; meles; pan de Cea e AOVE; grelos; Fabas de Lourenzá; patacas; Tenreira Galega; e Torta de Santiago-.

As Catas de Galicia buscan identificar, premiar e promocionar os mellores viños augardentes e licores galegos -elaborados fundamentalmente con variedades autóctonas-. Este certame cumpriu este ano 35 edicións e organízao o Goberno galego en colaboración cos cinco consellos reguladores das denominacións de orixe vinícolas e as indicacións protexidas dos augardentes e licores tradicionais. As máis de 400 adegas de Galicia estiveron onte ben representadas en Madrid, un gran mercado e, sobre todo, un gran punto de partida para un sector sen fronteiras.

Artigos relacionados

Back to top button