PolíticaÚltima hora

María Albert leva ao Parlamento galego a situación do acceso a San Vicente (Vilamartín)

A deputada valdeorresa do BNG, María G. Albert.

 

O Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG), a iniciativa da deputada María González Albert e do deputado Luis Bará Torres, vén de presentar unha Proposición non de lei para debate en Pleno, relativa á situación de incomunicación que padece a veciñanza de San Vicente de Leira no concello de Vilamartín de Valdeorras e as accións que debe tomar a Xunta para solucionalo.

“É moi difícil resumir nun único texto 30 anos de abandono, incumprimentos, neglixencias, deixación de funcións e incapacidade política. Trinta anos de xogar ao pim pam pum coas persoas afectadas escudándose no reparto (e non asunción) de competencias entre Deputación de Ourense, Concello de Vilamartín, Confederación Hidrográfica Miño-Sil e Xunta de Galiza. Mentres, nestes 30 anos, un pobo que esmorece: 72 habitantes censados en 2021 segundo o IGE mais que na realidade non chegan a 10 as persoas que son quen de resistir aí durante todo o ano. No ano 2000 eran 179 (INE. Padrón Continuo por Unidade Poboacional)”, aseguran os deputados na exposición de motivos na iniciativa.

Tamén se recolle no texto que “o (pen)último capítulo desta historia tivo lugar co último e gravísimo desprendemento na OU-807 que tivo lugar na primavera deste 2022. Un desprendemento que afectou á balsa (ilegal) de residuos da canteira pechada sobre o regato Pereanes, que rebordou, e que de rebote provocou importantes danos na estrada alternativa que usan as veciñas e veciños de San Vicente para desprazarse e para acceder a servizos públicos”.

O problema de San Vicente de Leira, continúan os parlamentarios na proposición, “foi traído ao longo dos anos a este Parlamento en múltiples ocasións. Cada vez en condicións de maior gravidade e todas e cada unha desas veces sen solucións por parte da Xunta de Galiza”.

Nese senso, nesta proposición non de lei, que será debatida en pleno, solicitan que “o Parlamento de Galicia insta á Xunta a:1. Con carácter de urxencia, colaborar co Concello de Vilamartín de Valdeorras para:-Mellorar a seguridade viaria da estrada que une O Mazo co Robledo e San Vicente de Leira-Proceder á consolidación e arranxo da ponte sobre o regato Pereanes para garantir o acceso á parroquia neste outono/inverno e polo tanto o acceso da veciñanza de San Vicente de Leira ás súas propias casas e aos servizos públicos. 2. Estabelecer un convenio de colaboración coa Deputación de Ourense para atinxir unha alternativa segura e viábel para o acceso a San Vicente de Leira a través da OU-0807″.

Artigos relacionados

Back to top button