EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Masterclass de Josep Roca na 60º Feira do Viño do Ribeiro

O mellor sumiller do mundo estará presente en Ribadavia o día 30 de abril durante a mostra vitivinícola

Foto: Instagram de Josep Roca.

 

A Feira do Viño do Ribeiro, que terá lugar os días 28, 29 e 30 de abril de 2023, no recinto da Alameda de Ribadavia, contará na súa 60ª edición coa presencia de Josep “Pitu” Roca, sumiller ou “camareiro de viños” como lle gusta definirse, do restaurante El Celler de Can Roca, do cal é copropietario xunto aos seus irmáns. Segundo Noelia Rodríguez, alcaldesa do Concello do Ribadavia, “estamos moi ledos porque é un orgullo e unha honra que o mellor sumiller do mundo participe en Ribadavia nunha edición tan especial coma esta”.

En palabras da alcaldesa de Ribadavia, “levamos moitos anos apostando polas catas e showcookings, organizando estas actividades que nos permiten traer á feira do viño aos mellores profesionais do sector, tanto sumilleres como cociñeiros que poñan en valor os viños do Ribeiro. Sempre son actividades que lles gusta moito ao público, porque interactúan con eles e permíteslle ver o viño dende outro punto de vista, ademais de que dinamizan o evento”.

Josep “Pitu” Roca, nomeado Mellor Sumiller do Mundo en 2022 polo The World’s 50 Best Restaurants, e que tamén conta, entre outros, cos galardóns de Premio Nacional de Gastronomía ao Mellor Maître de Sala (2004), Premio Nacional de Gastronomía ao Mellor Sumiller (2010) e o Premio da Academia Internacional de Gastronomía ao Mellor Sumiller (2005 e 2011), impartirá unha MasterClass o domingo día 30 de abril sobre o viño tostado do Ribeiro, unha das grandes xoias que se elaboran aquí.

A organización do evento (Concello de Ribadavia e C.R.D.O. Ribeiro) continúa a traballar en máis novidades do resto da programación e das actividades, así como no cartel e o pregoeiro para a presente edición, que se darán a coñecer nos vindeiros días.

Artigos relacionados

Back to top button