OurenseÚltima hora

Melloras no saneamento da Medorra e construción dunha obra de paso sobre o río Grañal, en Pereiro de Aguiar

Vén de asinarse un acordo entre a Confederació Hidrográfica do Miño-Sil e o Concello para levar adiante estas actuacións

 

José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), e Luís Menor, alcalde de Pereiro de Aguiar, rubricaban senllos acordos a través dos que se executarán, por unha banda, o saneamento do núcleo da Medorra e, por outra, unha obra de paso sobre o río do Grañal, na estrada para Venda-Calvelle.

Na actualidade, o núcleo de poboación da Medorra conta con algunhas vivendas que non están conectadas á rede municipal de saneamento, habitadas por un total aproximado de 105 habitantes-equivalentes; esta problemática provoca verteduras incontroladas de augas residuais que afecta moi negativamente á calidade das augas do medio receptor.

A problemática existente liquidarase coa construción dunha rede de colectores que recolla as verteduras xeradas por estas vivendas e trasládaas ata a rede de saneamento municipal ou ata unha planta depuradora, de nova construción, na que reciban o tratamento adecuado, garantindo que a vertedura cumpra cos parámetros de calidade esixidos pola lexislación vixente.

Hoxe foi rubricado o protocolo de compromiso entre ambas as administracións no que se reflicte un investimento estimado para estas obras de saneamento de 190.000 euros.

Obra de paso sobre o río Grañal

É importante destacar que a obra de paso actual, de pequena entidade e en moi mal estado de conservación, está formada por dous tubos paralelos de chapa ondulada, cubrindo un leito que ten aproximadamente sete metros de anchura total.

O convenio asinado hoxe ten por obxecto determinar as condicións para o financiamento e execución dunha nova obra de paso sobre o río Grañal, na estrada para Venda – Calvelle, e establecer o réxime da posterior entrega das obras executadas para o seu mantemento e conservación.
As actuacións consistirán na demolición da obra de paso existente, para executar unha nova cuxa forma e tipoloxía definirase no correspondente proxecto construtivo. En todo caso a nova obra de paso deberá salvar o leito sen apoios intermedios e con capacidade hidráulica suficiente estimando unha luz total de 7,4m.

“A colaboración institucional é a clave para conseguir proxectos importantes para preservar e mellorar a calidade das augas dos nosos leitos fluviais, sendo fundamental a implicación dos gobernos locais como canle de comunicación máis próximo ao cidadán”, concluía o presidente da CHMS.

Artigos relacionados

Back to top button