ConcellosÚltima horaViana do Bolo

Nova búsqueda para atopar os restos da “Pasionaria de Viana”, en Pixeiros

Os traballos realizaranse os días 29 e 30 de abril, seguindo a pista aportada por un veciño desta aldea vianesa

Imaxe dunha homenaxe a Anunciación Casado en agosto de 2023./ Cedida.

 

Segundo intento para localizar os restos de Anunciación Casado Atanes, coñecida como “a Pasionaria de Viana”. Era unha oradora e organizadora sindical, natural de Cualedro, coñecida pola súa defensa do campesiñado, que foi represaliada. Era asasinada con 39 anos no lugar das Revendeitas, na estrada de Viana do Bolo á Gudiña, en agosto de 1936.

En outubro pasado realizábase unha exhumación no cemiterio de Castro (Viana do Bolo) na procura dos seus restos por parte dun equipo multidisciplinar, formado por expertos en historiografía, antropoloxía forense, arqueoloxía e xenética que investigan sobre o pasado da violencia franquista no territorio galego. Non obstante, as análises dos restos atopados nesa exhumación revelaban que non se trataba dos de Anunciación Castro. “Buscámola nunha localización do cemiterio de Castro onde había unha lápida e seguindo as indicacións dalgún veciño. Escavamos alí, pero os resultados do estudo antropolóxico concluíron que os restos que atopamos non eran os de Anunciación. Non había signos de violencia e estaban nunha zona do cemiterio mesturados con outros restos de persoas, era un pouco raro que realmente estiveran alí”, explica o antropólogo forense Fernando Serrulla, membro do equipo.

Este proxecto formaba parte do Plan Cuatrienal de Exhumacións do Goberno de España, “que subvenciona estes traballos e acorda coa Xunta de Galicia enviarlle unha aportación económica para acometer estas exhumacións. A Xunta asinou un convenio coa Universidade de Santiago de Compostela (USC), co Grupo de Historia Agraria e Política do Mundo Rural (Histagra), co departamento do profesor Ángel Carracedo de Xenética Forense, ademais participa o profesor de Arqueoloxía da USC José Carlos Sánchez Pardo e a empresa Tempos Arqueoloxía, e pediron a miña participación como antropólogo forense do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga)”, indica Fernando Serrulla.

A raíz da difusión desa primeira tentativa de localización dos restos de Casado, aos investigadores chegáballes novos datos sobre o lugar onde podía ter sido sepultada. Un veciño de Pixeiros, outra aldea vianesa próxima a Castro, “contactaba con nós para dicirnos que el sabía exactamente onde estaba. O seu pai toda a vida lle dixo onde estaba enterrada “a comunista” e por iso el sabía perfectamente da zona, no camiño de baixada de Pixeiros a Viana, polo Castro”, continúa Fernando Serrulla.

Esta nova búsqueda xa ten data. Será os días 29 e 30 de abril e o equipo alberga a esperanza de que este sexa o lugar acertado. “Agora o Bispado pediunos un novo permiso para eses días, nos que temos programada a segunda exhumación e posiblemente a atopemos. Dá a sensación de que esta información é fiable porque, ademais, lévanos a un lugar alonxado dos enterramentos convencionais do cemiterio. Imos ver se é certo ou non”, continúa este antropológo forense. O equipo que intervirá será o mesmo da primeira búsqueda.

Artigos relacionados

Back to top button