En portadaÚltima horaVídeos

O albergue municipal de peregrinos da Rúa abrirá o 15 de marzo e estará atendido por hospitaleiros voluntarios

O Concello vén de asinar un convenio con AGACS, Asociación Galega de Amigos do Camigos do Camiño de Santiago, que se encargará da súa xestión

 

Tras anos de espera o albergue municipal de peregrinos da Rúa abrirá por fin a súas portas, xestionado pola Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago (AGACS), a través do sistema de donativo e atendido por hospitaleiros voluntarios.

Así quedaba de manifesto na mañá deste mércores 28 de febreiro, trala sinatura do convenio de colaboración entre o Concello da Rúa e a asociación, que tiña lugar no Salón de Plenos por parte da alcaldesa María G. Albert e do presidente do colectivo, Manuel López Vázquez.

 

 

O acto contou tamén coa presenza de varios membros da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago por Valdeorras coa presidenta, Asunción Arias, á cabeza; así como de hospitaleiros de AGACS; e do concelleiro do equipo de goberno rues, Luis F. Gudiña, quen explicou que un dos obxectivos que se marcaban dende que entraron na alcaldía da Rúa era poñer en marcha canto antes o albergue. “Levabamos anos con el e cando estaba a punto de poñerse a funcionar chegou a pandemia e non se pudo rematar. Nestes meses rematamos os detalles que faltaban para poñelo en marcha e o único que faltaba era determinar o tipo de xestión que se ía levar ata que finalmente, a través de Asunción Arias, puxémonos en contacto con esta asociación chegando ao acordo de que sexan eles os que o leven”, dixo Luis.

 

 

O presidente de AGACS explicou que existen como asociación dende o ano 1992 e teñen dous albergue de donativo atendidos por hospitalarios voluntarios. “Oo máis antigo é o de San Roque no Camiño de Santiago-Fisterra e dende o 2009 temos tamén convenio cun no Camiño Portugués”, dixo, asegurando que lles pareceu interesante a proposta de levar o albergue da Rúa para apoiar o Camiño de Inverno e sobre todo “a hospitalidade tradicional que nós defendemos”.

Tal como el mesmo adiantou, o albergue estará aberto todo o ano “aínda que en épocas de pouca afluencia o hospitaleiro poderá non estar presente pero si a través dun teléfono. O resto vivirá alí prestando os servizos”. Abrirá ás catro da tarde e o primeiro servizo será a cea comunitaria (na que os peregrinos deberán axudar ao hospitalario); durmir; e o almorzo, tamén comunitario. O sistema de financiamento é de donativo “a forma de que poida abrir ao día seguinte pero o peregrino é xeneroso”, asegura Manuel.

 

 

O tema de alimentación correrá por conta de AGACS e os gastos de mantemento xeral do albergue serán por conta do Concello. Ademais non haberá transporte de mochilas nin se admiten reservas”. O sistema será o tradicional, por orde de chegada ata completar as 14 prazas. “Estará xestionado por hospitaleiros voluntarios que no seu momento foron peregrinos a ver como vai”, aseguraba unha das presentes.

 

 

Pola súa banda, a alcaldesa da Rúa incidiu en que o Camiño de Inverno é unha prioridade para o Concello porque “é un vehículo de mellora económica, de mellora cultural e social importante para toda a comarca e que nós como Concello temos moito interese en coidar”, dixo, recoñecendo o enorme traballo de Luis Fernández para que este momento chegara. “Dende que se produciu o cambio de goberno está traballando para que o albergue abra e nas mellores condicións. Funcionará a través deste programa de hospedería e é un punto de partida para que a empresa privada se involucre tamén co Camiño”.

Trala sinatura do convenio os asistentes visitaban o albergue situado a carón do CEIP Manuel Respino, e unha vez comprobado o estado das instalacións, dende AGACS decidían establecer a pertura para o vindeiro 15 de marzo.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button