ConcellosÚltima hora

O Barco súmase á celebración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero con música, teatro e unha concentración

O Concello presentaba esta mañá o programa de actos e tamén poñía en valor o traballo do CIM e as actuacións que está a realizar en materia preventiva nos centros escolares

O concelleiro de Servizos Sociais, Orlando Saavedra, no centro da imaxe, xunto ao alcalde, a edil de Comercio e os representantes do CCA./ Foto: A.R.

 

O Barco súmase á celebración do Día Internacional de Violencia de Xénero, o 25 de novembro, cunha serie de iniciativas que se desenvolverán na semana do 20 ao 26 de novembro. Entre os actos previstos figura unha concentración na praza do Concello o venres 24 ás 12 horas durante a cal se lerá un manifesto a cargo de representantes do alumnado do IES Lauro Olmo, do IES Martaguisela e do Colexio Divina Pastora, tamén haberá unha actuación musical a cargo do Conservatorio do Barco, e emitirase un manifesto institucional.

Así o adiantaba en rolda de prensa o concelleiro de Servizos Sociais do Barco, Orlando Saavedra, sinalando tamén que xa pola tarde, 21h. está prevista a representación de “Cow Jazz Club” de The Athenea Teatro, no Teatro Lauro Olmo do Barco. O programa tamén inclúe o día 23 proxeccións de filmes, en concreto o día 23 ás 17h. e ás 21h. poderá verse “La Desconocida” e ás 19h. o documental sobre María Casares (isto será organizado polo Concello en colaboración co C.C. Groucho Marx).

Saavedra tamén indicía en que “este Concello conta cunha ferramenta fundamental para a loita contra a violencia de machista, o CIM (Centro de Información á Muller), representa unha porta de acceso para as mulleres vítimas aos recursos que estas necesiten, constituído por profesionais que traballan en primeira liña dando o apoio ás mulleres e fillos que padecen esta secuela. Está formado por traballadoras sociais, psicóloga, avogada, eductora familiar, hai unha unidade especial da nosa Policía Local, co apoio de unidades da Garda Civil e Policía Xudicial, coordinados etes dende a dirección territorial, e o noso Concello está integrado no sistema VioGen. Traballamos na información, apoio, seguimento, protección e cofidencialidade de cada caso”.

Entre abril de 2022 e marzo de 2023 o CIM atencía a 135 mulleres en situación de vulnerabilidade, “que non significa que sufran violencia de xénero, pero que teñen moitas posibilidades de que a haxa”, dicía Saavedra. O CIM tamén rexistra 161 consultas xudiciais, 183 consultas psicolóxicas e atencía a 33 vítimas de violencia de xénero. “A nivel local hai 17 casos de especial relevancia, dos que 3 son de risco medio, 5 de risco baixo e 9 de risco non apreciado”.

Así mesmo o edil destacaba o labor que tamén se está facendo en materia educativa, con diversos programas de prevención da violencia de xénero e sexual, con alusións en conreto aos obradoiros que se están impartindo neste curso adaptados ás diferentes idades. Así estanse impartindo accións deste tipo en materia de prevención en 2º, 3º e 4º da ESO nos centros barquenses e en 5º e 6º  de primaria a cargo da cooperativa Outonía. E lembraba a recente exposición “Á violencia de xénero dille non!”, que podía visitarse ata o 7 de novembro no IES Lauro Olmo do Barco.

 

 

Neste acto Orlando Saavedra estaba acompañado polo alcalde do Barco, Alfredo García, e pola edil de Comercio, Alba Rodríguez, así como por representantes de O Barco Aberto Centro Comercial, cos que se asinaba un acordo para converter os comercios asociados á entidade en puntos violeta.

Artigos relacionados

Back to top button