OurenseÚltima hora

O biface de Trasalba (Amoeiro), “Peza do Mes” do Museo Arqueolóxico de Ourense

Biface. Trasalba. Amoeiro./ Foto: Fernando del Río Martínez.

 

 

Embutido nun muro, e fóra de todo contexto, era atopado en 1986 o biface de Trasalba, nos Chaos de Amoeiro. Estas pezas eran empregadas como útiles con multitude de usos: percusores, escavadores, punzóns, fíos… “Os bifaces considéranse pezas típicas do Paleolítico Inferior e Medio (Abbevilliense, Achelense e Musteriense de tradición Achelense), aínda que poden aparecer en varias facies do Musteriense (Quina, Tayaciense, de denticulados) e ata no Paleolítico Superior”, tal e como detalla Vicente Rodríguez Gracia, na publicación dedicada ao biface de Trasalba, escollido como “Peza do Mes” de setembro polo Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.

Este útil paleolítico é “unha cuarcita de gran fino e de cor rosada, que configuraba un seixo rodado tallado por ambas as caras. Ten unha reserva do córtex orixinal, de cor beixe, polo anverso, duns 3×2 cm e non presenta reserva cortical polo reverso. A peza amosa múltiples extraccións con percusor duro e talvez brando, tendo un nervio central polo anverso, desde a reserva ao vértice. O talón está totalmente tallado con extraccións menores, así como os bordos”, segundo a descricióin de Rodríguez Gracia.

Este investigador tamén apunta que, malia que o biface de Trasalba non ten contexto, “semella ter correspondencia cos bifaces dos xacementos da Hoya ourensá, situados case todos fóra das beiras do Miño, en situación de protección, por riba das terrazas cuaternarias. Os complexos líticos na Hoya son moi numerosos, así como os achados superficiais, todos eles case exclusivamente tallados sobre seixos rodados recollidos nos aluvións e terrazas do Miño e do Barbantiño”.

Artigos relacionados

Back to top button