Con labores de limpeza na antiga ermida de Santo Tomás comezaba a xornada deste sábado 15 de maio en Pardollán (Rubiá). A Asociación de Veciños Santo Estevo de Pardollán, xunto coa Comunidade de Montes de Pardollán e Sobredo apostaban por recuperar esta construción relixiosa, que estaba oculta pola maleza e nun precario estado de conservación.
Xa pola tarde, a igrexa de Pardollán acollía unha conferencia titulada “Arqueoloxía e covas: resultados na Serra da Enciña da Lastra”, impartida por Carlos Fernández Rodríguez, da Universidade de León.
O acto abríase coa intervención de Alejandro Rodríguez, investigador colectivo Sputnik Labrego, que colaboraba nesta iniciativa, que contaba ademais co apoio do Concello de Rubiá. “A idea é ir facendo pequenas cousas destes estilo e poder dar a coñecer a historia que temos nesta zona e na comarca de Valdeorras. Unha das primeiras persoas nas que temos que buscar as referencias máis claras é Carlos, que leva moitos anos traballando nas palas de toda a Serra da Enciña da Lastra. Xa dende os anos 80 e principios dos 90 foi publicando artigos científicos en diversas revistas e investigando estos materiais. Basicamente o seu traballo consiste en buscar as primeiras evidencias humanas neste lugar coa importancia que ten isto”.

A continuación, Carlos Fernández lembraba a xénese da investigación que realizaba nesta zona calcárea, que coñecía xa de mozo, nos anos 1990-1991. “A finais dos 80 estabamos escavando un xacemento en cova, a Cova da Valiña, quizais un dos máis importantes do Paleolítico galego, un xacemento de hai 30.000 anos. Fixemos dúas campañas e queríamos estender aquilo a ouras zonas. Viñemos á Serra da Enciña da Lastra a buscar paleolítico e o éxito foi practicamente nulo, de feito, o excepto unha cousa que pode selo, todo o demais que atopamos é moi posterior”, explicaba.
A partir de aí, o investigador explicaba os motivos polos cales consideraban que a Serra da Lastra podía ser unha zona de interese, entre eles, os restos atopados previamente en covas da zona, a presenza do río Sil e o feito de ser unha zona de paso dende ben antigo e a altitude (uns 400 metros).
A partir de aí detallaba como foi o traballo de prospección acometido, comentando os restos atopados en cada unha das covas, seguindo a orde cronolóxica da intervención, así como a súa posible datación. A primeira da palas nas que realizaban unha sondaxe estaba moi preto de Pardollán. “Era moi pequena e estaba moi alterada, seguramente pola propia construción do ferrocarril. Alí apareceu un tipo de industria lítica en cuarcita de moi alta calidade, é unha punta denticulada que normalmente se asigna ao musteriense, estamos falando de algo, que datamos por tipoloxía, algo de máis de 40.000 anos”, indicaba.

A partir de aí atopábase cun baleiro “moi longo no tempo, non temos máis evidencia de Paleolítico nas covas, o que si documentamos son ocupacións da Prehistoria recente”, destacaba. Nese senso, ía detallando os diferentes achádegos atopados tanto na súa investigación, como posteriores, citando, por exemplo, o vaso da Idade do Bronce, atopado de forma casual polo Club de Espeleoloxía Águilas Verdes hai uns 7 anos.
Aquela investigación iniciada hai agora 30 anos por Carlos Fernández non tivo continuidade. “O traballo non está acabado. Pasaron trinta anos e por desgraza non houbo ninguén que tratase de continualo. Os resultados dende o meu punto de vista son interesantes”, aseguraba o conferenciante.
Fotos: Carlos G. Hervella.
