PolíticaÚltima horaVídeos

O BNG di que o orzamento da Xunta do 2024 confirma “o abandono de Valdeorras”

Esta formación política anuncia que presentará emendas no Parlamento galego para mellorar a presenza da comarca nestes orzamentos en cuestións como sanidade e infraestruturas

 

“Os orzamentos de 2024 da Xunta de Galiza confirman o abandono de Valdeorras polo PP”. Así o aseguraban esta mañá en rolda de prensa representantes do BNG nesta comarca, en concreto a alcaldesa da Rúa, María Albert; o voceiro do grupo municipal do BNG do Barco de Valdeorras, Xesús Vilasánchez; así como o deputado provincial do BNG, Xosé Manuel Puga. Ademais anunciaban que o BNG vai presentar no Parlamento de Galicia unha serie de emendas relativas a mellorar a súa presenza nos orzamentos. Ademais nese labor o BNG vaise poñer en contacto con organizacións empresariais, colectivos sociais e doutro tipo para recoller as súas necesidades e demandas, e plamaslas nesas emendas aos orzamentos.

“A proposta de orzamentos da Xunta do 2024 non aporta nada bo á comarca de Valdeorras e non atenden aos seus problemas. Un ano máis volven a medrar sensiblemente por aportacións externas e non teñen ningunha repercusión na nosa comarca e esta é unha moi mala nova, tendo en conta que Valdeorras é a segunda en PIB na provincia, despois da comarca de Ourense, e isto nunca se tivo en conta polo PP á hora de desenvolver os seus orzamentos galegos”, resaltaba María G. Albert.

 

 

Neste senso, en materia sanitaria, Albert aseguraba que para 2024 só figura unha pequena partida de 436.000 € para actuacións no hospital do Barco “e unha declaración de intencións sobre o centro de saúde na Rúa, e que figura na memoria anexa do Sergas, porén sen ningunha dotación orzamentaria concreta”. Por iso, engadía, o BNG reclamará no Parlamento galego que se singularice ese investimento, “como si acontece con outros centros de saúde”.

A alcaldesa da Rúa citaba outras dúas grandes áreas “nas que temos claro que non atenden ás nosas necesidades os orzamentos, unha delas é a das comunicacións, cun total abandono. O Plan de Transporte de Galicia non cobre en absoluto as necesidade de comunicación desta comarca, nin intracomarcais, o mesmo que acontece coa capital de Galicia e coa capital da provincia, e esta cuestión non aparece reflexada nos orzamentos. O mesmo acontece no relativo ao transporte ferroviario, a única infraestrutura que nos comunica coa alta velocidade, coa Gudiña, a OU-533, non está nunhas condicións axeitadas, sobre todo en inverno, o que vén nos orzamentos e 1,5 millóns de euros iso é nada, resulta insuficiente”.

 

 

 

Outro dos apartados que, en opinión de Albert, tampouco se atenden nos orzamentos é o do desenvolvemento económico da comarca, “falamos de sector industrial e temos enriba da mesa unha situación evidente con Irosa-Samaca, na que a Xunta fai deixazón das súas funcións, non se presentou para mediar nin para solucionar unha situación na que centos de postos de traballo están no aire”. Así mesmo referíase ao desenvolvemento eólico, “a como lle vai afectar ao noso territorio, e mesmo á xestión pura deste territorio”.

Estas son as “tres grandes liñas nas que imos a traballar dende o BNG para preparar as emendas, reunións con entidades empresariais, colectivos e axentes económicos”, concluía Albert.

 

 

Pola súa banda, o voceiro do BNG no Barco, Suso Vilasánchez, incidía en que o que se orzamenta para o Hospital do Barco no 2024 “é moi pouquiño e se basa en reformas, pero se non hai máis médicos nin máis medios, non se pode atender a máis pacientes”. Ademais resaltaba que o BNG vai “protestar e presionar para que neses orzamentos se contemple unha base medicalizada do 061 en Valdeorras, esta proposta foi debatida no pleno do Barco e é unha necesidade que non pode ser obviada. En Galicia hai 14 bases, e nós, polo noso índice de sinistralidade e o polo estado das nosas comunicacións, necesitamos ter unha base deste tipo”.

 

 

Finalmente, o deputado provincial do BNG, Xosé Manuel Puga, plantexaba que desde o grupo provincial de Ourense se traballa para correxir a infrafinanciación coa que o PP da Deputación de Ourense dotou historicamente aos concellos da comarca Valdeorresa “Comezando na Deputación por defender e propoñer un Plan Único Provincial 2024 dotado de 25 M€, un modelo de financiamento municipal baseado no reparto de fondos proporcional e en base a criterios obxectivos, xa definidos pola FEGAMP, para que todos os concellos e con respecto á atuonomía municipal poidan planificar e decidir en que invisten”. Con este modelo de financiamento a comarca recibiría “2,3 millóns de euros ano. O concello que menos recibiría superaría os 130.000€ ano, o que máis 450.000€ ao ano”, dicía Puga.

 

 

Por outra banda, indicaba que “co novo panorama municipal e provincial do BNG tras as municipais desde ano, cunha maior presencia e incidencia municipal nos concellos de Ourense, o BNG presentará propostas e emendas aos orzamentos da Xunta , deputación Provincial e Goberno do Estado, en canto se presenten. Imos desenvolver todo este traballo en positivo, sentenciou o deputado provincial do BNG, co obxectivo claro de dar a alternativa a este goberno caduco do PP a partir do 2024”.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button