PolíticaÚltima hora

O BNG do Barco rexeita o nomeamento do novo responsable da EOXI ourensá

O voceiro municipal desta formación política, Suso Vilasánchez, lembra que é xa o cuarto xerente desta área dende o 2017 e asegura que “non é un nomeamento pensado para Ourense é o efecto dun cambio de actores, sen máis”

 

Suso Vilasánchez, voceiro municipal do BNG no Barco (á dereita), na rolda de prensa xunto a Vítor Nieves./ Foto: A.R.

Na mañá deste luns 15 de xullo o BNG do Barco convocaba aos medios de comunicación no exterior do Hospital Comarcal Valdeorras para amosar o seu rexeitamento ao nomeamento de Félix Ruibal como novo xerente da Estrutura de Xestión Integrada (EOXI) de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras. “Rexeitámolo porque non é un home pensado para arranxar os problemas de Ourense, é o resultado dun cambio de actores para apaciguar á sanidade viguesa”, sinalaba o voceiro municipal do BNG no Barco, Suso Vilasánchez.

Tamén recordaba que é o cuarto xerente desta EOXI dende o 2017, tras Eloína Núñez, Dionisio López Bellido e Julio García Comesaña. Ruibal “é un xestor político, non sanitario, entón evidentemente vai antepoñer as cuestións políticas ás sanitarias, nós non cremos que el sexa o máis axeitado para resolver os problemas nin de Rubiá, nin da zona especial de Urxencias A Veiga O Bolo, nin de primaria, nin que vaia dar a atención que esta área necesita”, di Vilasánchez.

Aínda así este concelleiro nacionalista di que, “pese a non crer nel, ímoslle a pedir un par de cousas xa que vai vir aquí. Unha delas é que nos dea a plantilla orzamentaria do hospital do Barco para saber cantos recursos ten despois de tantos cambios, e que nos pare tamén este plan de reforma do centro, que é un plan feito sen pés nin cabeza, que fale cos profesionais, cos comités de autoprotección, cos membros das axudas externas, tanto a Garda Civil como cos bombeiros, antes de reformar o centro”.

Vilasánchez tamén criticaba “a propaganda desmesurada que está a facer o presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo coa HADO”, matizando que no caso de Valdeorras “vai de Petín a Carballeda, pero cara arriba non vai a recoller nada, nin da Veiga, nin do Bolo, Trives, Viana ou Vilariño, xa que precisa dunhas condicións de isocronas, é dicir, de distancia e tempo para chegar ao hospital e socioeconómicas da familia que vai a recibir ao paciente. Se estás a máis de media hora para chegar ao hospital, xa non podería aplicarse”.

Artigos relacionados

Back to top button