PolíticaÚltima hora

O BNG preguntará no Parlamento galego sobre a situación de Irosa e Samaca

Os seus deputados veñen de presentar unha proposición non de lei para o seu debate en pleno e preguntas para a Comisión 6ª

 

Dende o grupo do BNG no Parlamento de Galicia tamén se veñen de presentar nesta cámara varias iniciativas relativas á problemática que viven nestes momentos ás empresas Samaca e Irosa e os seus traballadores. Trátase dunha proposición non de lei presentada para o seu debate en pleno na que o Grupo Parlamentario do BNG insta “á Xunta a constituír de urxencia unha mesa de negociación con representación da propiedade da empresa, da parte social, da comunidade de montes e da propia Xunta Galiza, coa fin de reiniciar de inmediato a actividade e manter o emprego da empresa IROSA-SAMACA”.

Por outra banda, os deputados nacionalistas presentaban varias preguntas para a súa resposta oral na Comisión 6ª do Parlamento galego. No texto que acompaña a estas cuestións os parlamentarios sinalan que “as mostras de apoio populares e mesmo por parte das forzas políticas comarcais, que xa se teñen manifestado unanimemente sobre a necesidade de preservar os postos de traballo, contrastan co silencio da Xunta de Galiza, goberno titular das competencias en materia de minería e industria, así como autoridade laboral”.

Así mesmo plantexan que esta problemática que viven os traballadores de Irosa e Samaca “pode agravarse por momentos se temos en consideración que calquera demora no reinicio da actividade vai ter graves consecuencias económicas para a empresa en penalizacións por incumprimentos cos clientes e tamén polas dificultades e custos de paralizar e reorganizar a loxística dunha empresa que traballa en boa medida para o mercado internacional”.

Os deputados nacionalistas indican que o papel da Xunta “como mediadora nesta crise é absolutamente fundamental, tanto no seu papel de goberno competente, como polo feito de ser a única administración que pode botar luz sobre a situación real da propiedade dos terreos motivo dos litixios, máis aló de feito tamén importante de ser acredora da empresa á que prestou apoio financeiro no pasado”.

E neste senso o BNG presentan unha batería de preguntas a este respecto para ser respostadas de forma oral na Comisión 6ª.

Artigos relacionados

Back to top button