CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

O CEIP Julio Gurriarán do Barco incorpórase neste curso ao programa “Biblioteca Creativa”

Fachada principal do CEIP Julio Gurriarán./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

A Xunta de Galicia vén de publicar as resolucións definitivas dos programas Radio na Biblio, Biblioteca Creativa e Lectura e Familias para este curso 2023/24, a través das que se incorporan novos centros e se dá continuidade á participación dos xa integrados. Todos estes programas enmárcanse no Plan LIA 2021-2025 (Lectura, Información e Aprendizaxe), pola que se guían todas as actuacións en materia de bibliotecas escolares nos centros de ensino non universitarios de Galicia.

O programa Radio na Biblio chega este curso a 196 centros de ensino, que contan todos eles cun laboratorio de radio no que traballan as competencias informacionais e mediáticas do alumnado. Aos 166 centros que continúan sumánse neste curso outros 30 entre os que está o CEIP Augusto Assía da Mezquita.

Con respecto á iniciación no pensamento computacional, un total de 170 colexios desenvolven este curso o programa Biblioteca Creativa, 145 de continuidade e 25 de nova incorporación, entre os que está o CEIP Plurilingüe Julio Gurriarán Canalejas do Barco de Valdeorras. O obxectivo da iniciativa é estimular a iniciación do alumnado de Infantil e Primaria no campo do pensamento computacional a través de actividades manipulativas e outras, programadas desde a biblioteca escolar.

O programa Lectura e familias estimula o deseño e desenvolvemento de iniciativas que favorezan a participación das familias en actividades da biblioteca escolar. O obxectivo é que nais e pais se impliquen en experiencias de lectura ou de traballo coa información e medios de comunicación, coa finalidade de que poidan intervir con mellores recursos e eficacia na formación dos seus fillos como persoas lectoras e usuarias de información. Tal e como establece a resolución definitiva, son 90 os centros que continúan no programa, aos que se suman os 25 que se incorporan a el por primeira vez.

Bibliotecas Escolares Solidarias

Ademais, os centros interesados en sumarse a Bibliotecas Escolares Solidarias poderán solicitalo ata o 13 de xaneiro. O programa contempla o desenvolvemento de actividades de voluntariado nas etapas de Primaria e Secundaria e outras ensinanzas, e a posibilidade de optar a unha distinción a través do Selo Biblioteca Escolar Solidaria.

O obxectivo é recoñecer os esforzos das comunidades educativas por conformar bibliotecas escolares inclusivas, que axuden a paliar as desigualdades no acceso ao coñecemento e ao uso dos recursos culturais e de aprendizaxe. A iniciativa intégrase, ademais, como iniciativa de voluntariado nos programas da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, dependente da Consellería de Política Social.

Artigos relacionados

Back to top button