Na mañá deste mércores 21 de febreiro celebrábase no Auditorio do Edificio Fontán na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela, o Día Internacional da Lingua Materna coa celebración do II Encontro 21 días co galego e +, unha xuntanza lúdica e didáctica que reuniu a preto de 600 participantes da VI edición do programa de dinamización lingüística para intercambiar experiencias, música e xogos ao longo da xornada.
Neste curso 2023/2024, que tivo como principal novidade a incorporación dos centros de Educación Infantil como participantes, o programa desenvolveuse en dez centros, entre os que estaba o CEIP Ramón Otero Pedrayo de Viloira (O Barco de Valdeorras) que levou ao encontro ao alumnado dende 3º ata 6º de Primaria xunto ao folión, cos bombos e ata Boteiros.
Ao longo da xornada, na que tamén participou o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, o alumnado, o profesorado e os coordinadores dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega pertencentes aos centros escolares participantes gozaron da música, bailes, monicreques, xogos tradicionais e contos que eles mesmos prepararon para o encontro.
Durante o acto, presentado polo músico Pakolas, o titular en funcións da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, aproveitou para agradecerlles a todas as persoas participantes desta edición do 21 día co galego e + “o éxito desta iniciativa coa que, entrega tras entrega, queremos seguir axudando a que a nosa lingua sexa un elemento máis do día a día da rapazada para que esta leve o galego o máis lonxe posible”. “De aí a importancia dunha efeméride como a que conmemoramos hoxe”, declarou.
Ademais, o representante autonómico en funcións, salientou que o mellor xeito de manter viva a lingua xeración tras xeración “é empregándoa desde a infancia, e o sistema educativo garante que os cativos teñan destrezas e competencias nas dúas linguas, que debemos usar en absoluta liberdade”. Román Rodríguez tamén aproveitou para recordar que Galicia é a Comunidade Autónoma de España “na que temos un maior coñecemento da nosa lingua propia”.