Despois de case tres anos moi duros, marcados polo Covid que afectou de forma especial á xente maior, dende o Concello da Rúa pensaron que ninguén mellor que eles, os maiores do municipio, para recibir a homenaxe desta edición da Festa do Codillo, a XIV, especial por ser a primeira despois da pandemia. Por iso o acto previo ao xantar no pavillón, celebrado no mediodía deste sábado 28 de xaneiro no Centro Cultural Avenida, estivo marcado polo recordo, a emotividade e o agradecemento.
Conducido polo xornalista Jorge Isla, a homenaxe comezaba e remataba con música, da man da Asociación Cultural Abertal que arrancaba cunha muiñeira para dar paso aos reoñecementos. Tal e como explicou o presentador, ao estar adicado a “toda a xente da terceira idade, decidiuse que estivesen representados polas entidades que máis se encargan dos maiores, é dicir as dúas residencias e o centro de día porque os coidadores tamén son importantes”.
Os primeiros en subir ao escenario para recoller o detalle de mans do voceiro do RUA José Vicente Solarat, eran a directora do Centro de Día A Rúa Mª Carmen Estévez e unha das usuarias Laura, dando paso a un emotivo vídeo de presentación ao ritmo do tema Sobreviviré que tanto soou nas Redes Sociais durante o confinamento. De seguido tocáballe o turno á directora da Residencia Nosa Señora de Fátima que subía con Hortensia para recoller a placa de man do voceiro municipal do PSdeG-PSOE Luis Fernández Gudiña, trala proxección doutro vídeo coa música de Adelante. Os terceiros e recoller a homenaxe, desta volta de mans da portavoz nacionalista María G. Albert eran a representante da Residencia dos Pinos Ana Quintana e o usuario Aquilino.
Con todo a homenaxe non quedaba aí e tamén recollía o seu detalle, de mans do propio alcalde Álvaro Fernández, Ángeles Prada Regueiro, venciña da Rúa que aos seus 90 anos segue rexentando a súa Mercería Geles. Facíao en representación “de todos os maiores e moi especialmente aos que seguen en activo”.
XX aniversario do irmanamento entre os concellos da Rúa e Almendralejo
A primeira parte do acto remataba aquí, pero nesta XIV Festa do Codillo houbo tamén lembranza para o XX aniversario do irmanamento dos concellos de A Rúa e Almendralejo de onde veu unha importante representación tanto política, co alcalde José Mª Ramírez á fronte, como cultural, social e deportiva.
Precisamente era o deporte, concretamente o fútbol, o xerme da relación que nacía entre ámbolos dous concellos en 1996, o ano en que o CF Extremadura que lograba o ascenso a Primeira División (onde estaría dúas tempadas) facía a pretempada na Rúa, a onde volvían cada ano e precisamente dous ex xogadores dese club, Pepe Tirado e Ito, volvían á Rúa 27 anos despois para recoller o obsequio lembrando esos anos de relación coa vila valdeorresa que culminaban co irmanamento en decembro de 2002.
Esta parte do acto, que contou coa actuación do dúo artístico extremeño formado por Carmen Laparreña e Paulo Malina, foi máis protocolaria con intercambio de agasallos e intervencións por parte de ámbolos dous alcaldes, que se desfacían en eloxios mutuos e palabras de agradecemento. Tamén interviu vicepresidente da Deputación de Ourense Rosendo Fernández, asegurando que “o deporte une” e que “os maiores son o noso maior tesouro”; e o delegado da Xunta en Ourense Gabriel Alén quen aseguraba estar gratamente sorprendido. “Eu viña a unha festa gastronómica e atopeime cun emotivo acto que nos fai reflexionar sobre o que de verdade importa e a xente que máis queremos e non sempre atendemos neste ritmo de vida tan acelerado”.
Seguindo o protocolo era o alcalde da Rúa o último en falar, asegurando terse “emocionado”, nun acto no que “falou o corazón e foi un cúmulo de sensacións”. Tras dar as grazas un por un a todos os asistentes, Álvaro Fernández daba paso á banda de gaitas Abertal que pechaba a homenaxe interpretando o Himno Galego.
Fotos: Carlos G. Hervella.
Vídeos: Mónica G. Bellver.