EntrevistasXVIII Feira do Viño Valdeorras

“O godello é o viño máis universal que hai en Galicia”

Este rues de adopción, responsable da área de clientes internacionais de Autoneum Spain Northwest SLU, será o pregoeiro da XVIII Feira do Viño de Valdeorras
Julián Villamarín, pregoeiro da XVIII Feira do Viño de Valdeorras./ Foto: Carlos G. Hervella.
Julián Villamarín, pregoeiro da XVIII Feira do Viño de Valdeorras./ Foto: Carlos G. Hervella.

Valdeorras e o viño. Para Alfonso Villamarín Rodríguez son dúas referencias inseparables. Boa parte da súa infancia e adolescencia está vencellada á zona ruesa de Doutor Vila, onde vivía a súa familia paterna. “Desta comarca”, di, “teño recordos enormes e marabillosos, pero cando faleceron as miñas tías avoas en 1982, desvinculeime dela ata que no 2003 Autoneum quixo buscar unha localización que, finalmente, foi A Rúa. Isto permitiume recuperar moitísimas relacións e a miña vida alí. E non só a min, senón tamén á miña familia. E fixo posible manter a continuidade da cadea a través dos meus fillos, que están namorados da Rúa”.

Está convencido de que o futuro da D.O. Valdeorras pasa pola calidade e de que a mellor persoa para darlle proxección internacional é o seu “actual presidente, José Vicente Solarat”. Disto Villamarín falará no pregón que abrirá a XVIII Feira do Viño de Valdeorras, o 11 de xullo en Viloira (O Barco).

¿Como ve a evolución das denominacións galegas nos últimos anos?

O viño galego forá desta comunidade dase a coñecer grazas ás denominacións. Axudáronnos fóra, pero menos dentro. As denominacións e as marcas fixeron que o viño sexa moito máis uniforme e iso cando queres vender fóra de Galicia e exportar axúdache moito. Non se pode presentar un viño fantástico que, aos tres anos, sexa un desastre… Hai que darlle unha liña, e iso é o que fixo Rioxa co viño e por ese tipo de cousas triunfou. En 1890 trouxénrollo os de Burdeos pola filoxera, crearon marcas e un estilo, e trataron de darlle unha uniformidade. E iso é o que fai que a xente repita e que se cree un hábito no consumidor. Antes moita xente se non había tinto de Rioxa non bebía, agora xa non. As denominacións axudaron moito, máis a uns que a outros, e cada unha ten os seus matices. Por exemplo, en Valdeorras para que a etiqueta poña godello o viño debe ser 100% desa variedade, en cambio en Rías Baixas só ten que ter un 85% de albariño.

¿Como recibiu a proposta de ser o pregoeiro da feira?

Cando José Vicente Solarat me chamou dixen que si ao segundo. Contesteille que ía encantado. Todo o que sexa pro-Valdeorras a min vólveme tolo: nos viños, na gastronomía, no que sexa… polas connotacións históricas e familiares que ten para min. Ademais a xente de Valdeorras é incrible e non hai ninguén que veña de fóra que non o diga.

¿Que aspectos dos viños valdeorreses vai tratar no seu pregón?

Xa lle din voltas e, malia que Valdeorras ten varios fillos, a min apetéceme falar de dous que considero os máis importantes: godello e mencía. Os nosos brancos son incribles. O godello posúe unha universalidade que non ten o mencía porque tamén é máis fácil chegar hoxe a todo o mundo nos brancos que nos tintos. O godello de Valdeorras paréceme o viño máis universal que hai en Galicia. En cambio o mencía, que a min encántame, é máis zonal, cun perímetro máis pequeno.

¿Por onde cre que debe ir a evolución desta D.O.?

Pola calidade, e non pola cantidade. A produción no viño sempre baixa a calidade e iso xera despois moitos problemas. Valdeorras está agora mesmo na cresta da onda. E cando falo disto a min gústame tamén amosar o meu lado industrial. No automóbil cando estás na cresta da onda espertas polas mañás e só pensas en mellora continua. A rendabilidade dun adegueiro de Valdeorras está máis en subir o prezo dos seus viños pola calidade, que en producir máis. Unha copa dun godello como As Sortes custa 12 libras en Londres, que son 15 euros. Para min debería irse a iso. Non estou en contra de que se produza máis, pero ten que ser dunha forma moi razoable, con moito sentido común. A calidade ten que ser o non vai máis do viño de Valdeorras, porque cando na vida tes calidade nalgo, iso obrígate. Esta zona posúe un clima excepcional, está nunha media de alturas entre os 280 e os 380 metros sobre o nivel do mar, cun chan incrible para o viño, con ausencia de auga, cunha variedade como a godello… Entón esa calidade obrígate a facer as cousas ben.

Texto: Ángeles Rodríguez
A entrevista íntegra pode lerse na edición en papel de xullo do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button