ConcellosO CarballiñoÚltima hora

O labor das pulpeiras e das súas familias, protagonista da 61ª Festa do Pulpo, no Carballiño

Esta edición contou coa vicepresidenta segunda do Goberno en funcións, Yolanda Díaz, como convidada de excepción

 

O Carballiño vivía hoxe un dos seus días grandes. Tras unha semana de actividades complementarias, entre as que destaca o tradicional Concurso de Camisetas que gañaba Aspadisi, no mediodía deste domingo 13 de agosto celebrábase o acto central da 61ª Festa do Pulpo declarada de Interese Turístico Internacional o ano pasado e que veu precedida en abril deste 2023 e por primeira vez da Romaría das Pulpeiras, para homenaxear este colectivo clave no municipio ourensán.

A xornada comezaba oficialmente coa visita institucional da vicepresidenta segunda do Goberno en funcións, Yolanda Díaz, ao Concello onde asinaba no Libro de Honra. A continuación, desprazábase camiñando co alcalde, Francisco Fumega, e o resto da Corporación á entrada do Parque Municipal onde tiña lugar a recepción oficial e posterior xantar que congregaba a centos de persoas á sombra das secuollas e no que se previa servir ata 50.000 kg de pulpo.

 

O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega.

 

O acto contou tamén coa presenza da conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, e o conselleiro de Medio Rural, José González, acompañados do director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e do presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, entre outros convidados.

Na súa intervención a conselleira puxo de relevo a longa tradición dun evento que reflicte tanto a importancia da elaboración e do consumo de polbo para a economía do Carballiño, como a relevancia das pulpeiras que conforman o groso das persoas que se encargan da súa preparación. Rivo, en concreto, puxo en valor este colectivo “por ser emprendedoras e ser os sustentos das súas familias, por manter o relevo xeracional desta profesión durante décadas, por xerar emprego e riqueza no Carballiño e en toda a provincia ourensá e por ser exemplo para as xeración actuais e vindeiras”. Destacou que no Carballiño “saben o que é facer historia non só porque unha locaidade de interior fose a que máis e mellor puxo en valor un produto de mar”, senón por converter o polbo “nun piar fundamental da economía, historia e cultura do Carballiño”. Así quedou demostrado, recordou, esta mesma semana acadando -de novo- a tapa de polbo máis grande do mundo, con 580 quilos do cefalópodo en dez minutos para un total de 800 racións.

 

A vicepresidenta segunda do Goberno en funcións, Yolanda Díaz.

 

Pola sua banda, o director de Turismo de Galicia, recentemente pregoeiro da VIII Baco Festa na Rúa, aproveitou a súa participación para lembrar o impulso conxunto que a Xunta está a facer co Concello para situalo como destino turístico gastronómico de referencia sobre a base do polbo como elemento diferencial. No marco dos fondos europeos, lembrou Merelles, “executaranse accións que permitan seguir desenvolvemendo no eido turístico esta comarca aproveitando o tirón da chegada do AVE”.

Como convidada de honra nesta edición a galega Yolanda Díaz felicitou á Festa do Pulpo polo “merecido recoñecemento internacional” conseguido o ano pasado, reivindicando que “este interior de Galicia merece un apoio e unha aposta constante das Administracións para a súa dinamización”. No seu discurso no parque destacou a calidade dos produtos galegos como por suposto o pulpo “que une a todos os galegos e que aínda que en Madrid chaman pulpo á galega é pulpo á feira”, e tamén o pan ou viño que son a imaxe de marca da festa e “sinal de calidade dentro e fóra de Galicia”.

 

O presidente da Deputación, Luis Menor.

 

Díaz lembrou ao arquitecto Antonio Palacios “a quen pescudo, estudo e admiro” polo deseño en parte do templo da Veracruz ademais de parte da capital de España, destacando que “cando fóra falan de Galicia falan de calidade e é unha honra”, dixo dirixíndose ao alcalde “poder dicir ben alto que exportamos calidade, cousas boas e un país mellor, nunha terra na que tal como dicía Cunnqueiro, hai que festexar as letras pero tamén o que hoxe facemos estar ao redor dunha mesa compartindo un bo pulpo, un bo Ribeiro e un bo pan”.

O alcalde lembrou que no cartel desta edición a Festa do Pulpo reivindicou o Camiño Miñoto-Ribeiro, “antigo trazado entre Braga e Compostela que está pendente de homologación”.

 

Fachada da Casa do Concello do Carballiño.

 

Tamén o presidente da Deputación quixo facer un recoñecemento “ao labor das familias pulpeiras que levan xeracións facendo marca: O pulpo á feira”. Durante a súa intervención no acto de apertura, Luis Menor referiuse á exposición que aínda pode verse no Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación, titulada Pulpeiras e Familia. Unha mostra fotográfica que reúne a diferentes xeracións de trinta familias de pulpeiros do Carballiño e que, a través das súas ferramentas (tesoiras, caldeira, pratos, ganchos, aceiteira, saleiro e pementeira) “axudándonos a comprender mellor o seu traballo e, sobre todo, o amor a esta profesión”. Un labor que contribúe a que “moitísimas persoas sexan quen de falar e situar no mapa ao Carballiño”. Nesta liña, Menor expresou os parabéns ás familias pulpeiras, á organización e á cidadanía do Carballiño por esta xornada.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button