CulturaCulturaÚltima hora

O martes 13 de febreiro será o día grande no Entroido de Sande

 

A Asociación Cultural Entroido As Bonitas de Sande organiza un ano máis o seu Entroido. Un Entroido rural, senlleiro e pequeno, pero “programado con toda a ilusión para que veciños e visitantes desfruten da nosa tradición”, aseguran.

Na conta atrás para os días grandes de festexos nesta parroquia do Concello de Cartelle, os mecos xa tomaron as rúas para darlle vida aos currunchos do pobo. Unha tradición comezada coa pandemia, cando só eles podían saír sen limitacións horarias, e que se vai mantendo e aumentando en número.

 

 

O sábado 10, será o día de acudir todos e todas ás adegas de Mogos, un espazo natural con carballos e antigas adegas de pedra onde, tras a sesión vermú e a comida, sairá o Oso a unha hora incerta, simbolizando que o inverno vai quedando fóra e achégase a primavera. Coa animación do grupo de música tradicional Somos nós, servirase a comida a base de churrasco, chourizo, pan, bica, bebida e licores, ten un prezo de 15 euros (reserva ata o mércores7). Pola tarde servirase unha degustación de “Sopa de pedra”, moi típica do noso país veciño Portugal, e tamén existente en numerosos países de Europa.

O domingo será o día no que as Bonitas saen por primeira vez neste ciclo para recibir aos feligreses a partir das 10,30 horas e, a continuación visitar as aldeas que compoñen a parroquia: Parbón, Prado, Oleiros e o mesmo Sande.

 

 

O luns a noitiña, percorrerase Sande ao son de latas, potas vellas, gaita, tambor… cos mellores traxes de avutardas.

O martes día 13 a xornada preséntase intensa comezando por un pasarrúas entroideiro no que as Bonitas sairán xa co Oso atado con grandes e grosas cadeas de ferro, e a Vaca terá a súa primeira saída. Tola coma sempre que chega o Entroido. Non faltarán as avutardas, nin o acompañamento musical da charanga Sorcha. O menú, baixo carpa, tenun prezo de 15 euros e inclúe lacón cocido, callos, pan, bica, bebida e licores (reservas ata o venres 17).

Pola tarde, se o tempo o permite, toda a comitiva do Entroido seguirá o toxo licoreiro ata a praza do Cruceiro, onde continuirá o baile, a música e os nosos “números” recreando situacións da aldea e de máis alá das nosas fronteiras cun bo toque de retranca. Como novidade, e para dar a coñecer os nosos píos, unha tradición na que en fin de ano se queiman estas construcción agrícolas feitas a base de palla, indultamos un deles para poñer a fin ao noso Entroido.

 

Artigos relacionados

Back to top button