CulturaCulturaÚltima hora

O morteiro de Saturninus de Papón (Ourense), Peza do Mes do Museo Arqueolóxico Provincial

Recupérase o acto de presentación deste peza, que será a cargo de Xulio Rodríguez Gonzaléz, o 14 de decembro

Moteiro Saturninus de Papón (Ourense)./ Foto: Fernando del Río Martínez.

 

Entres as numerosas formas e funcións do material cerámico de cociña romano, instrumenta domestica, os morteiros formaban parte dos destinados ás preparacións culinarias para a súa elaboración en frío (nasiternae, urceoli, operculi, mortaria). De aí que pezas como o morteiro de Saturninus, “Peza do Mes de Decembro” do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, permitan “determinar a distribución das diferentes formas a través da súa comercialización, determinar as posibles rutas utilizadas e os talleres para o abastecemento”, así o sinala Xulio Rodríguez González, autor do estudo publicado sobre este elemento.

Este morteiro era atopado en Papón, nas proximidades da cidade de Ourense, nos anos 70 durante unhas obras realizadas na estrada N-525. “Trátase dun fragmento de mortarium, do que só se conserva o arranque do corpo co pico vertedoiro, con dimensións máximas de 12,3 x 5,8 cm, de pasta arxilosa, moi depurada, de cor ocre. A ambos os lados da canle presenta sendas cartelas con marcas impresas”, matiza Rodríguez González. Precisamente isto último é unha das singularidades desta peza, xa que non é habitual que os morteiros presenten marca do oleiro.

Este investigador e director do Museo Arqueolóxico de Ourense tamén explica que “os produtos asinados por Saturninus poderían estar asociados, na súa orixe, ás producións dun fabricante que asina con dua nomina M. CIMONI, do que se ccoñecen unha serie de morteiros procedentes de Roma, Sagunto ou Cartago, e finalmente, a un officinator que asina en tria nomina M. CIMONI SATURNINI”. E cronoloxicamente sitúase a súa actividade na primeira metade do século I despois de Cristo.

Presentación, o 14 de decembro

A presentación da “Peza do Mes” recupera ademais en decembro a presencialidade, logo de meses interrompida por mor da pandemia, cunha exposción prevista para o mércores 14 de decembro ás 20.00 h na sala da exposición “Escolma de Escultura” en San Francisco (Ourense). A explicación correrá a cargo do director do Museo, Xulio Rodríguez González. E a entrada é libre.

Artigos relacionados

Back to top button