Coa colocación dunha estrutura de aceiro rematouse o soportal da fachada do Museo Xeolóxico de Quiroga. O soportal deste edificio municipal construíuse con dúas columnas de cemento revestido de pedra de cantería -acorde coa fachada do museo-, que suxeitan unha estrutura de madeira. Nesta armazón colocouse un tellado de cristal.
E agora acaba de rematarse a estrutura cunha representación do pregamento de Campodola – Leixazós realizada en aceiro cortado con láser que leva o nome do museo gravado. O último paso desta estrutura da entrada do museo que se achegou a ver o rexedor local, Julio Álvarez, será a iluminación con luces led.
A representación do pregamento dobrado de Campodola é un aceno á formación do territorio quirogués que se pode ver dentro destas instalacións museísticas, xa que acolle un importante referente á formación xeolóxica con este pregamento de Campolola-Leixazós, ademais de recoller a historia paleontolóxica, cun importante rexistro fósil; aos cambios climáticos, coas pegadas da última glaciación; ás primeiras ocupacións humanas, coa réplica de Elba, a muller máis antiga atopada na zona; e á diversa minería antiga e recente.