EconomíaEconomíaEn portadaGalerías de fotosÚltima hora

O presidente da Xunta inaugura en Viloira (O Barco) un polo de emprendemento

No acto presentaron os seus proxectos dous emprendedores, Susana Anta López e Daniel García Hareg

 

Na mañá deste luns 30 de outubro, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, inauguraba en Viloira, no Barco de Valdeorras un novo centro de apoio ao emprego, destacando o impulso que lle está a dar o Goberno galego á consolidación da Rede de polos de emprendemento.

Na súa intervención, Rueda puxo en valor o labor desta rede de centros para asesorar da man de expertos a aquelas persoas que deciden dar o primeiro paso de emprender. Acompañado da conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, defendeu o emprendemento pola súa aportación non só á creación de emprego, senón tamén para o desenvolvemento de Galicia en xeral, ao achegar novos produtos e servizos, que desde a súa orixe na Comunidade teñen alcanzado proxección internacional “levando a marca Galicia polo mundo”, enxalzou.

 

 

Consecuentemente, Rueda amosou o compromiso do Goberno galego co emprendemento, tal e como reflicte o pulo que lle dan os orzamentos da Consellería de Promoción do Emprego e igualdade do vindeiro ano con 30,6 millóns de euros destinados en exclusiva a este fin (unha suba do 51,6%) ou a implantación da ‘cota cero’ para o primeiro ano de actividade como autónomo.

“Se queremos unha Galicia potente hai que apoiar a xente que emprende”, defendeu o mandatario galego con respecto ao impulso á Rede de polos de emprendemento que está a facer a Xunta. Así, o polo de emprendemento inaugurado hoxe é o terceiro na provincia de Ourense e décimo en Galicia. No entanto, antes de que remate este 2023, a previsión é chegar aos 15 polos en activo na Comunidade.

Neste senso, en máis dun ano que leva funcionando a Rede de polos de emprendemento xa axudou a 700 persoas e facilitou a posta en marcha de máis de 600 proxectos que hoxe son unha realidade. Hai que salientar o feito de que a meirande parte destes polos están no rural, xa que cada vez son máis as persoas emprendedoras que viven nel que se animan a poñer en marcha o seu propio negocio.

 

 

Significar tamén o dato de que arredor do 10 % dos que acoden a estes centros de apoio ao emprego proceden de fóra de Galicia, unha parte deles emigrantes retornados á comunidade, colectivo que conta tamén co apoio do Goberno galego para facilitarlles a súa volta á Comunidade coa Estratexia Galicia Retorna.

No acto celebrado no Barco, ao que acudían alcaldes e membros dos equipos de Goberno dos distintos Concellos da comarca, presentaban os seus proxectos dous emprendedores: Susana Anta López e Daniel García Hareg. Antes, o alcalde do Barco Alfredo García destacaba a importancia destes polos para o emprendemento e sobre todo dos emprendedores “se lles vai ben, moitos emprendedores acaban sendo unha gran empresa”, dixo.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button