ConcellosO BarcoÚltima hora

O proxecto do sendeiro verde do Barco, que implica expropiar unhas 45 fincas, aprobado en solitario polo grupo de goberno do PSOE

Tanto PP, que votaba en contra, como BNG, que se abstíña, expoñían as dúbidas legais sobre o mesmo que reflexaba o secretario municipal no seu informe

 

Tenso debate entre a oposición e o grupo de goberno socialista do Barco no pleno extraordinario celebrado pola corporación municipal ás 13h. do 23 de xaneiro. Un dos puntos da súa orde do día era a aprobación inicial do proxecto de construción de sendeiro e zona de esparexecemento na marxe do río Sil-O Salgueiral no tramo esquerdo, que se realizará a través dun convenio asinado coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e que suporá a expropiación dunhas 45 fincas.

A secretaria daba conta de que ademais do proxecto, asinado polo enxeñeiro de Camiños, Francisco de Borja Menéndez, e polo director do proxecto, Francisco Marín o 15 de xuño de 2022, tamén se aprobaba inicialmente neste punto, “co obxecto de acordar a necesidade de ocupación dos bens e dereitos”, a relación concreta e individualizada dos mesmos e se concretan as fichas descritivas e cada finca afectada polo expediente expropiatorio. E aludía á necesidade pública de expropiación “realizada polo Plan provincial do 2023”.

O punto era exposto polo voceiro municipal do PSdeG-PSOE, Aurentino Alonso, quen explicaba que o proxecto consiste no “adecentamento dunha zona verde do Salgueiral, que temos agora de esparexecemento que comunicaría con Viloira cunha senda na marxe esquerda do río e que incluso nos levaría ao Campiño de Viloira pola zona da escollera. Ten un orzamento final 533.704,02 euros (IVE incluído) cun prazo de execución de 8 meses dende o momento no que se licite e trátase de varias actuacións. A primeira delas sería a rehabilitación da actual pasarela, tanto do pavimento como da propia estrutura (máis de 3.000 m2) con pintura e máis iluminación. E logo teríamos ao pasar a parela, teríamos unha franxa na que se eliminará a arborada alóctona que se cambiará por vexetación propia da ribeira do río. E logo a propia senda, que arranca ao final da pasarela, que arranca pola marxe esquerda ata chegar ao regueiro Valado, cun tratamento tanto de pavimento a base de zahorras e dunha mestura de xabrego estabilizado para evitar que nas crecidas poida ser arrastrado. Tamén leva unha parte de tratamento do terreo cunha resementa de herba “. Será unha actuación de 1,2 km.

Segundo aseguraba Alonso, o expediente conta coas autorizacións de “Cultura, por estar nunha zona protexida como o Camiño de Inverno, a confederación foi quen encargou o proxecto, e no apartado de terreo rústico fíxose unha consulta a Urbanismo e tampouco se puxo ningunha pega”. E comentaba que na primavera ano 2022 tívose unha reunión coa veciñanza, dado que se vai a realizar unha expropiación para realizar a senda.

As súas explicacións non convencían aos oito concelleiros da oposición, 5 do PP e 3 do BNG. Así, o voceiro municipal do BNG, Suso Vilasánchez, explicaba que “escoitamos que o proxecto conta coas consultas e autorizacións pertinentes, pero tamén lemos as conclusións do informe do secretario municipal, no que se indica que deberíase achegar informe da CHMS (ou aprobación do proxecto que a substitúa) con carácter previo á aprobación do proxecto de xeito que declare que esas obras se axustan á normativa sectorial. Por outra banda, o mais axeitado sería con carácter previo á aprobación do proxecto adaptar o PXOM para que o solo urbano consolidado que se pretende expropiar e sexa destinado ás necesidades que se pretende satisfacer co exercicio da potestade expropiatoria sexa destinado no planeamento ao uso dotacional axeitado (espazos libres e zonas verdes ou uso de comunicacións)”. Ademais, Vilasánchez engadía “tamén hai outro punto do informe no que se di que en canto ao exercicio da potestade expropiatoria para adquirir solo que logo se destinará a un destino ou uso provisional pode non axustarse plenamente á finalidade lexítima do exercicio da potestade expropiatoria no que se refire ao carácter permanente do destino da actuación. Vemos que realmente o que o señor secretario saca como conclusións e o que nós oimos referir ao voceiro socialista non cadra. Entón ímonos abster, se tiveramos claras estas cuestións, nós aporíamolo”.

 

 

Deseguido, o portavoz do PP, Manuel Núñez, aseguraba que si é certo que se falou cos veciños, “pero hai moito tempo, e vostede tivo que deixar enriba da mesa o punto presentado sobre este tema nun pleno no outono, e tivo que deixalo porque non había proxecto aprobado” e preguntaba “¿de quen van ser os terreos unha vez que sexan expropiados, do Concello, da CHMS? Iso non o sabemos”. E anunciaba o voto en contra do PP “porque cremos que non están as cousas claras, non se falou cos afectados e todo o que se fai, faise por feitos consumados. Se se quixera facer unha actuación como é debido falaríase cos veciños e se se falase con eles igual non era iso o que habería que facer, senón algo bastante mellor”.

Ás argumentacións da oposición respondía o alcalde, Alfredo García. Con respecto ao exposto por Suso Vilasánchez, dicía que o que aparece no informe do secretario “son simplemente unhas apreciacións. Se modificamos o PXOM e aí poñemos unha senda estaría moito mellor, pero ningún Concello modifica o PXOM para facer unha senda. Sería matar moscas a cañonazos”. E, respondendo ao portavoz do PP, aseguraba que si que falou cos veciños (aludindo á reunión matida na primavera do 2022) “e non se lles volveu a citar porque non se cambiou nada, porque todo dende o primeiro momento estaba ben. As cousas están ben feitas e eses terreos van ser municipais porque vai ser o Concello o que vai a pagar, nos orzamentos do 2023 habilitouse unha partida para facer fronte a estas expropiacións”.

Pola súa banda, o nacionalista Suso Vilasánchez incidía no feito de que no informe do secretario se fala de que eses terreos expropiados van ter un “uso provisional”. Ante isto o alcalde aseguraba que os “concellos fan falta moitas cousas que son de uso provisional e aínda que agora se poña que é de uso provisional, vai ser de uso definitivo”. Sobre a necesidade de que o proxecto inclúa informe da CHMS, Aurentino Alonso engadía que “estamos aprobando un proxecto que redactou a propia confederación”.

Seguindo do debate, a concelleira do BNG Noa Fernández, manifestaba que segue habendo “cousas que entendo que entran en contradición. Por unha banda, dísenos que os terreos pasan a ser de titularidade municipal e, tamén por parte do secretario e pola súa, que a expropiación non vai ser definitiva, que é algo que contradí o propio espírito dunha expropiación. Eu non dubido da boa fe deste equipo de goberno, e entendo que os terreos non van ser destinados a outro fin que sexa a senda, pero dentro de dez anos non sabemos quen vai gobernar, entón se os terreos son de titularidade municipal e a expropiación é provisional poderían adicarse ese terreos a outro obxecto. Teríamos terreos municipais obtidos a un baixo custo que no seu día, en dez ou quince anos, poderían a outro fin visto o que apunta o secretario”.

O alcalde do Barco respondía que “o que hai que ter claro é o que di a Lei do Solo aí está a clave, non no o que queira facer un Concello”. Ao que Fernández replicaba que “esa lei pode modificarse posteriormente”. Alfredo García tamén dixo que se algún veciño non está de acordo prezo, “poden pleitear no Tribunal de Expropiacións de Galicia”.

Finalmente, o proxecto resultaba aprobado cos 9 votos a favor do PSdeG-PSOE, votando o PP en contra e coa abstención do BNG.

Unha vez aprobado, o proxecto será sometido a exposición pública durante 15 días no Boletín Oficial da Provincia, tamén estará a disposición dos interesados na sede electrónica do Concello, ademais o presente acordo seralles notificado, xunto coas fichas descritivas, a cada un dos afectados identificados no expediente.

Artigos relacionados

Back to top button