En portadaÚltima horaVídeos

O sector agrogandeiro do oriente ourensán saca os tractores á rúa para pedir prezos xustos e menos burocracia

Case un cento destes vehículos participaban nunha tractorada-concentración que comezaba ás 12h. na Gudiña

 

Preto dun cento de tractores cortaban ao longo dunhas dúas horas a circulación na Gudiña, xusto no cruce entre as estradas OU-533 e N-525. Nesto punto concentrabánse os tractores que saían sobre as dez da mañá de Viana do Bolo cos que o facían dende A Mezquita. Con esta protesta, que se desenvolvía sen ningún tipo de incendentes e contando coa presenza da Garda Civil e da Garda Civil de Tráfico, o sector agrogandeiro (gandeiros, agricultores e apicultores) da montaña oriental da provincia de Ourense levaba á rúa nesta mañá o seu malestar ante os atrancos para poder desenvolver a súa actividade e daba a coñecer con claridade e rotundidade as súas demandas antes as administracións galega, española e europea.

 

 

En concreto o sector pide a “activación urxente de medidas que garantan prezos xustos polos produtos agrarios, a racionalización das cargas burocráticas ás explotacións, a paralización dos tratados de libre comercio, a potenciación dos circuítos curtos de comercialización e o cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria, entre outras accións, que se detallaban nun manifesto ao que daba lectura Rosa Pérez, gandeira de Xava (O Bolo), xunto a responsables de Unións Agrarias (UUAA) na comarca de Viana, María Páez, e que tamén se escoitaba nos outros puntos de Galicia onde se realizaban tractoradas (convocadas por UUAA, o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas e a Asociación Agraria de Galicia) , á mesma hora, ás 12h.

“Mobilizámonos para visualizar o malestar existente e reclamar solucións aos problemas que nos afectan. Se non tiñamos xa abondo con lidiar con prezos baixos para os nosos produtos e custos de produción polas nubes, dende Europa, Madrid e a Xunta chegan nos últimos meses novas esixencias que a moitas de nós vannos condear ao peche. Requerimentos imposibles de cumprir, que enlean aínda máis o noso día a día con burocracia e trámites que nada aportan á calidade das nosas producións. Máis papeleo, novas ferramentas dixitais ou a obriga de mudar o noso modo de traballo empregando nova maquinaria, tan cara como imposible de adquirir neste momento”, dicía o manifesto.

 

 

Así mesmo o sector, a través deste texto, manifestaba que está farto “de ver como día si e día tamén se segue incumprindo a Lei de Cadea Alimentaria. De comprobar que os cambios lexislativos apenas pasan de boas intencións, pois non se acompañan das ferramentas, orzamento e mecanismos necesarios para facelos cumprir, como a incorporación da figura do mediador á negociación colectiva de contratos ou a posta en marcha de Observatorios de Prezos e Custos que establezan liñas vermellas para erradicar a venda a perdas. Así como permitir que empresas sancionadas poidan seguir percibindo axudas públicas. Estamos fartos de ver como as administracións van botando balóns no tellado alleo; recoñecendo os problemas do campo, pero facendo pouco ou nada por solucionalos e trasladando a responsabilidade de institución en institución, sen asumir competencias propias nin facilitar a vida das persoas que viven do agro galego”.

 

 

Neste senso, o manifesto pedía “administrcións comprometidas coa rendabilidade eo futuro do sector produtor: que aposten pola recuperación e protección da terra agrícola e nos presten os apoios necesarios para facer fronte a novos retos relacionados coa mudanza climática ou coa aparición de novas doenzas e pragas como a EHE o verme desfoliador, a velutina ou a flavescencia dourada”. Tamén pedían  administracións que miren polo produto local e realistas, “administracións que non nos deixen na estacada e comprometan orzamento suficiente para garantir o mantemento da actividade agrogandeira” e que “nos acompañen apostando pola investigación e o apoio ás explotacións no camiño cara un modelo produtivo cada vez máis sostible, pero non por elo menos rendible”.

E concluían asegurando que “a loita non está só aquí, está nos despachos dos que depende o noso presente e o noso futuro. Pero que ninguén teña dúbida, se non se nos escoita e se as negociacións que xa temos iniciado coas distintas administracións non avanzan, non imos quedar parados. O de hoxe é o comezo, e non desistiremos ata acadar as melloras que o sector produtor precisa”.

Despois da lectura do manifesto, María Páez informaba que de as reivindicacións do sector, plasmadas nun decálogo xa lle foron entregadas ao subdelegado do Goberno en Ourense e, a continuación, facía a lectura dese decálogo.

 

 

Despois os participantes nesta concetración e tractorada iniciaban un percorrido pola Gudiña ata chegar a explanada situada xunto a gasolineira, moi preto do acceso á A-52. Unha vez alí, acordábase rematar o acto reivindicativo e os tractores comezaban a saír rumbo aos seus puntos de partida. Nesta tractorada e concentración tamén se contaba coa presenza de alcaldes e concelleiros da parte oriental da provincia, así como dalgún deputado provincial, entre outras persoas.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

 

TÁBOA REIVINDICATIVA das organizacións convocantes da tractorada

1- Prezos xustos para os nosos produtos. Eliminación da especulación, e creación de índices de referencia dos custos de produción nos diferentes sectores, incluíndo unha remuneración digna do traballo das produtoras e dos produtores, e mecanismos para facer cumprir a lei da cadea alimentaria e acabar con prácticas e marxes abusivas.

2- Rexeitamento dos tratados de libre comercio (Mercosur), que poñan en perigo as nosas producións, e priorizar as nosas producións fronte a terceiros países que comercializan coa UE.

3- Eliminar a burocratización que nos asfixia:

Caderno Dixital
Decreto de Ordenación de Explotacións Bovinas
Decreto de Fertilización Sostible de solos

4- Adaptación dos ecoesquemas e da PAC á realidade da agricultura e gandaría galegas, pagos en función das persoas activas e non pola superficie.

5- Importes suficientes para atender as solicitudes de produción en ecolóxico, así como a totalidade de expedientes de agroambiente e clima e as axudas de incorporación.

6- Recuperación de terra agrícola e a súa especial protección, e apoios ao sector fronte a novos retos como os cambios no clima, novas enfermidades ou o encarecemento dos insumos e combustibles. Maior apoio á investigación pública, que axude e acompañe ao sector na situación actual e de cara aos novos problemas que afectan ao sector, para unha maior sostenibilidade nas explotacións.

7- Fomentar o acceso da poboación aos alimentos apoiando os mercados locais e os circuítos curtos.

8- Mantemento da redución no prezo do gasóleo para o sector, así como as condicións do gasóleo agrícola profesional.

9- Remuneración dos danos de fauna salvaxe (xabarín, lobo…), e do lucro cesante e da totalidade das perdas ocasionadas, que deben ser minimizadas.

10- Creación da figura da persoa mediadora na negociación de contratos e posta en marcha de observatorios de prezos nos produtos agrogandeiros.

 

Máis información e fotos:

Gran tractorada de gandeiros, agricultores e apicultores do oriente ourensán, na Gudiña

Artigos relacionados

Back to top button