ConcellosEn portadaÚltima horaVídeos

Gran tractorada de gandeiros, agricultores e apicultores do oriente ourensán, na Gudiña

 

O cruce da estrada OU-533 (A Rúa-A Gudiña) coa N-525, na porta de entrada a Galicia por Ourense, era na mañá deste martes 20 de febreiro o punto de encontro para a concentración e tractorada coa que os gandeiros, agricultores e apicultores da parte oriental da provincia de Ourense, quixeron levar á rúa as súas reivindicacións de prezos xustos para a súa produción e unha menor burocracia que lles permita desenvolver o seu labor.

 

Lectura do manifesto.

 

Unha tractorada “en defensa do noso sistema de vida, para pedir menos menos papeis. As axudas da PAC (Política Agraria Común) deben chegar íntegras para os que traballamos e mantemos o campo e os prezos dos nosos productos deben ser xustos”, manifestan dende Unións Agrarias, organización convocante nesta tractorada en concreto.

 

 

Na lectura do manifesto, Rosa Pérez, unha das gandeiras presente, explicaba que estaban alí hoxe para “visualizar o malestar existente e reclamar solucións aos problemas que nos afectan”. Aseguran que se non tiñan xa abondo con lidiar cos prezos baixos, “dende Europa, dende Madrid, dende a Xunta, chegan nos últimos meses novas esixencias que a moitos de nós vannos condear ao peche. Requerimentos imposibles de cumprir, que enlean aínda máis o noso día a día con papeleo e burocracia que nada aportan á calidade da produción”.

 

 

De seguido, tras asegurar que “nós somos os que mantemos o medio rural, o campo, e por iso estamos aquí, porque xa non aguantamos máis” e co tráfico cortado, o cento de tractores reunidos dirixíanse ata a explanada da gasolineira, na Gudiña.

 

 

Sensibilizar á opinión pública e facer partícipes ás persoas consumidoras dos problemas e da situación que atravesa o sector produtor é un dos obxectivos que se perseguen con esta mobilización do sector gandeiro galego que tamén se está a levar a cabo noutras nove localidades.

Entre os asistentes, a parte dos gandeiros, agricultores e apicultores de concellos como A Mezquita, A Gudiña, Viana do Bolo, Vilariño de Conso, A Veiga, O Bolo, Riós e Vilardevós, entre outros, había representantes municipais (alcaldes e concelleiros) así como algún deputado provincial.

 

 

Fotos: Ángeles Rodríguez/ Carlos G. Hervella.
Vídeos: A.R.

Máis información e fotos:

O sector agrogandeiro do oriente ourensán saca os tractores á rúa para pedir prezos xustos e menos burocracia

 

Artigos relacionados

Back to top button