O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, vén de visitar o campamento militar romano Aquis Querquennis (Bande). Desprazábase ata o complexo, situado no encoro das Conchas, onde se reunía co responsable das escavacións, o arqueólogo valdeorrés Santiago Ferrer Sierra, quen lle explicou de primeira man os últimos avances que se están desenvolvendo e os traballos de restauración e recuperación de toda a zona occidental do campamento. Na visita tamén estivo presente o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González.
A este respecto, o delegado puxo o complexo romano Aquis Querquennis como exemplo da aposta do Goberno pola “recuperación do noso patrimonio e da nosa historia contribuíndo ao apoio do patrimonio cultural e arqueolóxico”.
Ademais, destacou que a súa localización, enmarcada nas inmediacións do parque natural transfronteirizo Geres-Xurés e as termas naturais de Bande, “potencian o desenvolvemento turístico da comarca da Baixa Limia”. Así mesmo, reivindicou a necesidade de que haxa unha “colaboración interinstitucional” entre as diferentes administracións estatais, autonómicas e provinciais para que os traballos, dun importante valor patrimonial e histórico, se continúen levando a cabo.
Aquis Querquennis
O conxunto Aquis Querqueinnis está situado na parroquia de Baños de Bande, nas ribeiras do río Limia. Actualmente, conta tamén co centro de interpretación Aquae Querquennae – Via Nova que alberga un museo e varias salas explicativas do complexo arqueolóxico.
As escavacións deste complexo realízanse dende o ano 1975. Primeiramente baixo a dirección de Antonio Rodríguez Colmenero, despois de ser descuberto nos anos 20 do pasado século por Florentino López Cuevillas e Vicente Risco.
Esta intervención arqueolóxica ten recibido investimentos de 50.000 euros outorgados polo Goberno de España, a través da Confederación Hidrográfica Miño Sil e o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, á Fundación Aquae Querquennae, encargada de realizar o proxecto arqueolóxico.
Fotos cedidas.