CulturaCulturaÚltima hora

O valdeorrés Vítor Nieves, galardoado co Premio Amicus Romaniae en Lisboa

Estes galardóns foron instituídos en 2009 como recoñecemento e aprecio por parte do Instituto Cultural Romeno ás personalidades do ámbito cultural e institucional que apoian a promoción dos valores da cultura en Portugal

 

Nesta semana tiña lugar a gala de recoñecemento e entrega das distincións Amicus Romaniae na sede do Instituto Cultural Romeno (ICR) en Lisboa da man do diplomático da Embaixada da Romanía en Portugal, Mircea Iliescu, e do devantido instituto, Dinu Gîndu. Estes galardóns foron instituídos en 2009 como recoñecemento e aprecio por parte do Instituto Cultural Romeno ás personalidades do ámbito cultural e institucional que apoian a promoción dos valores da cultura en Portugal. E, entre os galardoados neste ano estaba o valdeorrés, Vítor Nieves.

Nieves é curador, profesor, investigador e editor. Ten comisariado mais dun cento de exposicións en diferentes galerías e museos en Galicia e no resto do Estado, en Portugal e no Brasil. A súa dirección artística ten marcado a traxectoria de festivais internacionais de fotografía, como o Outono Fotográfico, os Encontros da Imagem (Portugal) ou os Encontros de Agosto (Fortaleza, Brasil). Foi o editor de varios libros de fotografia e fotolibros e autor de ensaios de investigación sobre a imaxe e filosofía visual. É o director pedagóxico do Instituto de Produção Cultural e Imagem (Porto e Lisboa), onde imparte clases de historia e de curadoría no Máster en Fotografía Artística.

 

 

As personalidades distinguidas co título honorífico Amicus Romaniae recibiron como diplomas obras de arte realizadas por alumnos e alunas da Facultade de Artes da Universidade Dunarea de Jos de Galati. Neste ano, ademais de Vítor Nieves, foron distinguidas, entre outros, Vicente Rodrigues, presidente da Fundación Amália Rodrigues e catedrático do ISCTE; Fernando Galrito, director artístico do festival de cinema de animación MONSTRA; Constança Azevedo Lima, coordenadora do Museo Nacional do Azulexo ou Pedro Roma, vicepresipente da Cámara Municipal de Redondo.

O evento continuou co lanzamento do libro “Verdadeiras, vividas, para seren contadas” de Elena Dumitrescu-Nentwig, en presenza da autora.

O Instituto Cultural Romeno é unha institución pública que promove a cultura romaniana en 18 países do mundo, a través de eventos culturais, cursos de lingua, programas de intercambio e apoio á tradución de obras literarias.

Fotos cortesía do Instituto Cultural Romeno.

Artigos relacionados

Back to top button