EconomíaEconomíaÚltima hora

O valor dos servizos que ofrece o medio natural podería dar lugar a pagos a propietarios ou xestores da terra por protexelos

Será o tema da mesa redonda que terá lugar este luns no marco das xornadas Luis Asorey, promovidas pola Real Academia Galega de Ciencias e a Deputación de Lugo

Superficie forestal na Galicia interior./ Foto: A.R.

 

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Lugo, coa colaboración do Campus Terra da Universidade de Santiago (USC), están a celebrar as “XXXIII Xornadas Luis Asorey”. Esta edición aborda “O capital natural e os servizos ecosistémicos. A nova base da economía”, a través dunha serie de conferencias gratuítas que se están a desenvolver no salón de actos da Deputación de Lugo (rúa San Marcos, 8), en horario de 19:00 a 21:00 horas. As xornadas están recoñecidas pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades como actividade de formación do profesorado non universitario.

Dentro deste ciclo, este luns, 21 de novembro, terá lugar unha mesa redonda centrada no valor dos servizos ecosistémicos. Estará moderada polo coordinador das xornadas, Antonio Rigueiro, catedrático emérito da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago, presidente da Asociación Forestal de Galicia e académico numerario da RAGC. Contarase coa participación da directora xeral de Desenvolvemento Rural e da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), Inés Santé; o director da Asociación Forestal de Galicia, Francisco Dans; e Emilio Díaz, profesor de Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC.

O valor da paisaxe

Inés Santé centrarase no valor da paisaxe. Nesta liña, destaca que o concepto de infraestrutura verde está a ser adoptado de forma crecente nas diferentes políticas e estratexias de xestión territorial como un instrumento para asegurar os servizos ecosistémicos requiridos para o benestar humano e a calidade de vida. “A avaliación de servizos ecosistémicos e a cuantificación económica destes constitúe un amplo ámbito de investigación. Un eido de aplicación inmediata son as políticas agrarias ou de desenvolvemento rural, xa que a capacidade do territorio para a provisión de servizos ecosistémicos deberá sentar as bases para a implantación de medidas agroambientais e pode dar lugar a novos sistemas de pago por servizos ecosistémicos, é dicir, pagos a propietarios ou xestores da terra por proporcionar ou protexer estes servizos” -salienta-.

Por outro lado, a directora xeral de Desenvolvemento Rural sinala que a Comisión Europea propón que a infraestrutura verde pode ofrecer solucións para a prevención do abandono da terra agrícola e para minimizar os impactos negativos cando xa está abandonada. Así, “a prevención do abandono pode abordarse investindo nun mellor uso e desenvolvemento dos servizos proporcionados pola infraestrutura verde. Nestes casos, pódese ter unha maior viabilidade económica explotando o seu potencial para o turismo ou usos multifuncionais, ou a través do financiamento destas zonas cos fondos da PAC para zonas agrícolas de alto valor natural ou outros fondos estruturais europeos. Merece unha mención específica a combinación da infraestrutura verde co pastoreo e outros tipos de gandaría de baixa intensidade como unha forma de uso do solo que mellora a prevención do lume e ten considerables beneficios para a biodiversidade” -apunta-.

Compensacion por CO2 nos montes galegos

Francisco Dans describirá os mercados actuais de dereitos de carbono, centrando a atención no mercado voluntario en España. Os proxectos de absorción e os seus condicionantes, as posibilidades de fixación do prezo do carbono segundo as distintas especies forestais e os problemas derivados das esixencias da lexislación vixente ocuparán a parte central do seu relatorio. Ademais, presentará a situación das compensancións por CO2 nos montes galegos e o escenario futuro de acordo coa tendencia actual.

O valor da biodiversidade

Emilio Díaz abordará o valor da biodiversidade. Explica que “a diversidade biolóxica non só inflúe na capacidade adaptativa dos ecosistemas (fundamental ante os retos dos cambios globais), senón que ten unha relación directa con algunhas das funcións ecolóxicas básicas que constitúen a base para a produción dos servizos. É o caso da produción de biomasa, os procesos de descomposición, a reciclaxe de nutrintes ou a captura e almacenamento de recursos. Estas funcións supoñen á súa vez o soporte de servizos como a provisión de alimentos e materiais, a regulación de fluxos de materia e enerxía fundamentais para as actividades humanas ou as numerosas manifestacións culturais dependentes dos ecosistemas. Polo tanto, ademais de ser un elemento básico para a continuidade da vida na terra, esta dependencia dos servizos e funcións coa biodiversidade permite identificala como clave no mantemento do benestar das sociedades”.

Artigos relacionados

Back to top button