O vindeiro 17 de setembro as antigas escolas de Casaio (Carballeda de Valdeorras) acollerán un dos “Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural 34. In Situ” do Consello da Cultura Galega (a través da súa Sección de Patrimonio e Bens Culturais) que, nesta ocasión, estará centrado na “Guerra esquecida: volframio, modernidade e patrimonio industrial”.
Segundo os promotores da iniciativa, “o patrimonio industrial é un dos testemuños materiais máis expresivos do proceso de emerxencia da modernidade e da transformación definitiva das sociedades labregas tradicionais. Porén, trátase dun patrimonio moi pouco recoñecido e valorado no contexto do noroeste peninsular. É neste contexto, ademais, onde se desenvolveu unha industria particular na metade do século XX: a minaría de volframio. Unha minaría que caracterizou a chamada guerra do volframio dos anos 40 e 50″.
Ademais este encontro promóvese para debater sobre “o papel, posibiliades e límites do patrimonio industrial dentro das políticas patrimoniais de Galicia” e partindo “da proposta de recuperación e de declaración como Ben de Interese Cultura (BIC) da mina de volframio de Casaio, e doutros exemplos de posta en valor como a mina de Fontao”.
Máis información:
http://consellodacultura.gal/mediateca/extras/CCG_ac_2021_encontro-casaio.pdf