
As xentes do rural ourensán afectadas polas xeadas dos últimos meses continúan as súas protestas reclamando ás administracións axudas directas ás colleitas afectadas. Hoxe, 23 de maio, foi a quenda de manifestarse na capital, Ourense, tras as tractoradas que se fixeron en Viana- A Gudiña e Ribadavia. Segundo a organización, case 1.500 persoas acudiron á manifestación, mentres que as forzas de seguridade cifraron en non máis de 500 asistentes. Iso si, todas as organizacións agrarias estiveron presentes: Sindicato Labrego Galego, Federación Rural Galega, Unións Agrarias, Asociacións de Viticultores do Ribeiro, produtores de Monterrei e da Ribeira Sacra, tanto ourensá como lucense. En total, 18 autobuses trasladáronse até a capital, segundo a organización.
A manifestación concluíu na sede da Xunta en Ourense, onde varios representantes sindicais, tras facer un minuto de silencio polos atentados de Mánchester, tiveron a oportunidade de reunirse coa delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, quen lles trasladou que a semana próxima establecerían unha xuntanza, en Ourense, coa conselleira de Medio Rural, Ánxeles Vázquez, para trasladarlles as súas inquedanzas.

Pero ao inicio, grupo citouse ante o Pavillón dos Remedios cara ás once da mañá. As cornetas e o folión de Viana foron os encargados de meter ruído para pedir solucións xa que, segundo dixo o Secretario Xeral de Unións Agrarias de Galicia, Roberto García, “as solucións que nos ofrecen son insultantes para a intelixencia humana”. Esas solucións, dixo, son créditos nos que a Xunta asumiría os intereses pero “a un empregado de Citroën en Vigo que queda en paro o que se lle fai e pagarlle unha prestación pública por desemprego”, dixo, “non ofrecerlle un crédito, e iso é o que nós queremos, axuda”. Segundo declarou “este ano vamos a poñer en risco a máis de 2.000 persoas sen ingresos e obrigarlles a que teñan que abandonar a actividade”.
E, como ben lembrou o Secretario Xeral de Unións Agrarias, Roberto García, non só os viticultores foron os afectados polas xeadas, xa que os gandeiros e os apicultores da provincia tamén se viron afectados. É o caso de Tania Salgado, unha apicultora de 35 anos que leva tres no gremio: “estamos alimentando cando tiñamos que estar pondo as alzas dos panais”, asegurou. Esto débese a que “as xeadas arrasaron cos castiñeiros e cos carballos, aínda que esperamos que recuperen”. Esta apicultora salientou que non é capaz de cifrar as perdas que isto lle pode supor.

Outro rapaz gandeiro, Alejandro Herrera, tamén cualificou de “crítica” a súa situación: “non imos recoller herba ningunha, hai que ter en conta que nós pasamos de coller 1.000 roios de herba a non recoller nada”, lamentou. Asemade pasará coa castaña: “de recoller miles de quilos, pasamos a non recoller nada”. Estes dous casos son só dous, pero hai moitos mozos e mozas do rural que están pensando en abandonar a súa actividade e “nós o que queremos é vivir do noso traballo, vivir do campo e nos están botando”, dixo un viticultor de Beade, David Rodríguez.
Á manifestación tamén se sumaron os parlamentarios no Parlamento de Galicia, Noa Presas (BNG) e Davide Rodríguez (En Marea). Ambos os dous coincidiron en que “os seguros non se axustan á realidade do campo galego”. De feito Davide Rodríguez pronunciouse en contra de Feijóo: “dixo que estamos na lexislatura do Medio Rural e vemos que é unha cortina de fume”. O BNG levará unha moción sobre este tema ao Parlamento de Galicia e “a apoiaremos”, dixo.
A manifestación continou baixo os berros de “Feijóo, escoita, o agro está en loita” ata rematar na sede da Xunta. Alí leron un manifesto moi similar ao das outras manifestacións de Viana e Ribadavia, no que solicitaban axudas directas e condonacións de cotas á Seguridade Social. Este manifesto foi remitido, posteriormente, ao Rexistro Xeral da Xunta de Galicia.
Texto: Carlos Asensio.
Fotos: Carlos G. Hervella.
Máis información sobre a manifestación aquí