CulturaCulturaÚltima hora

Os Entroidos ourensáns, en Fitur

Na mañá do 25 de xaneiro tiña lugar na mostra unha presentación destas celebracións de inverno
Representantes do Entroido de Xinzo en Fitur coa directora de Turismo de Galicia.

A riqueza etnográfica dos Entroidos galegos é unha das claves para conseguir posicionar á comunidade entre os destinos punteiros durante o inverno, coincidindo coa tempada baixa. Así o destacaba a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, esta mañá de 25 de xaneiro na Feira Internacional de Turismo, Fitur ,que se está a celebrar en Madrid.

O recente recoñecemento do entroido de Xinzo de Limia como Festa de Interese Turístico Internacional foi valorado por Nava Castro como un gran aliciente para Ourense en particular e para Galicia en xeral para continuar traballando no camiño da excelencia das festividades galegas. O de Xinzo de Limia convértese en pioneiro ao ser o primeiro entroido galego en conseguir a máxima distinción que poden ter as festas no eido turístico.

Durante a presentación salientou o traballo da cidadanía galega implicada en conservar e poñer en valor as tradicións e ritos ancestrais a través das diferentes celebracións entorno ao Entroido, tamén vinculadas coa enogastronomía. Destacou o caso de Verín, cos seus tradicionais Cigarróns e que ten o recoñecemento de Interese Turístico Nacional. Nove máis están distinguidos como de Interese Turístico de Galicia, entre eles están os Manzaneda, Vilariño de Conso e Viana do Bolo.

A presenza destes entroidos en Fitur enmárcase “no compromiso de Galicia por difundir a importancia dos milleiros de entroidos da comunidade galega, aos que cualificou como un dos mellores expoñentes dos valores que fan de Galicia un destino singular”, segundo a consellería.

Máis durante a fin de semana

A actividade de Galicia en Fitur continuará esta fin de semana, con xornadas de portas abertas para o público en xeral. O expositor da Comunidade galega ofrecerá aos visitantes información dos establecementos Q de Calidade, do Camiño de Santiago, da natureza, gastronomía, festas, experiencias, da Cidade da Cultura de Galicia, dos cascos históricos, das catro provincias cos seus correspondentes xeodestinos, das sete cidades, do mundo náutico, dos mananciais e dos produtos do Clúster Turismo de Galicia, entre outros.

Ademais, celébranse catas de viño ou exhibicións de Artesanía de Galicia cun obradoiro en vivo de xoiería. Estará instalado, igualmente, un photocall con elementos representativos do Camiño de Santiago e se incorporarán actuacións de baile, canto, pandereteiras, instrumentos musicais tradicionais e obradoiros para todos os públicos.

 

Artigos relacionados

Back to top button