SanidadeÚltima hora

Os pacientes danlle un notable alto á atención recibida durante a súa hospitalización en Ourense

Os resultados da enquisa de satisfacción realizada desde a Área Sanitaria de Ourense aos pacientes ingresados acada un 8.4 de media na satisfacción global

 

Os resultados da enquisa de satisfacción posta en marcha este ano pola Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras este ano, para avaliar a satisfacción dos pacientes hospitalizados otorga ao Hospital Universitario de Ourense unha cualificación de 8.4 puntos de media, en canto a satisfacción global, concedendolle a puntuación máxima ao “trato e amabilidade do persoal” (8.7 puntos).

A enquisa iniciouse en maio, no marco do plan estratéxico de calidade e humanización da asistencia, e súmase ao obxectivo de integrar a experiencia do paciente, como xa se ven facendo con outras iniciativas que potencian o papel do Consello Asesor de Pacientes (órgano de participación das asociacións de pacientes); co concurso de ideas de humanización; ou coa análise periódica das reclamacións e suxestións recibidas no Servizo de Atención ao Paciente, ademais de numerosos proxectos, na procura dunha asistencia máis centrada na súas experiencias e necesidades.

“Os positivos resultados son especialmente significativos tendo en conta que o 97.6%, dos 2.114 pacientes do Hospital Universitario que accederon ao enlace, ata 2.094 desexaron participar. Moitos deles tamén aportando achegas, que están a ser valoradas pola Unidade de Calidade para incorporalas como obxectivos de mellora”, aseguran dende a área sanitaria ourensá.

Trato e amabilidade do persoal

A dimensión mellor valorada en Ourense foi o trato e amabilidade do persoal, que obtén unha nota media de 8.7. Neste aspecto hai que destacar que case a metade, dos máis de dous mil pacientes, que responderon a enquisa consideran que este aspecto merece a nota máxima: Un 10.

Entre os tres criterios máis valorados, tamén destaca a puntuación obtida polo criterio de “Axuda para controlar a Dor”, cun 8.6 de media e, coa mesma nota media, a “posibilidade de estar acompañado por un familiar”, aspecto que ata o 49.3% dos pacientes cualifican cun 10.

Moi de cerca, cun 8.5, o “respecto a intimidade”, criterio moi a ter en conta nun ingreso hospitalario. Ingreso que é cualificado cun 8.4, no apartado de “Satifacción global coa atención recibida”. Asemade, a “disposición a escoitar” do persoal tamén é un dos mais valorados, cunha nota media de 8.3.

En conxunto os once aspectos valorados: Trato e amabilidade, confortabilidade da habitación; tranquilidade para o descanso; posibilidade de ter compañía dun familiar; comida; limpeza; información; disposición a escoitar dos profesionais; respecto á intimidade do persoal; e control da dor foron cualificados moi positivamente. De feito a nota máis baixa é igualmente elevada: Un 7.4

Enquisa accesible e anónima

Este iniciativa é posible coa nova plataforma tecnolóxica de relación coa cidadanía do Servicio Galego de Saúde, CRM100, que facilita devolver chamadas perdidas, ou xestionar citas en atención primaria, como o enviar recordatorios de consultas por sms e, neste caso, realizar enquisas.

A invitación para participar na enquisa envíase por SMS ao móbil do paciente, aos sete días de ser dado de alta en calquera dos tres hospitais de Ourense, Verín e Valdeorras. A través do enlace, incluído na mensaxe, poden acceder ao cuestionario e cumplimentalo de xeito moi sinxelo e intuitivo, en menos de 5 minutos. Os resultados descárganse, de xeito totalmente anonimo na plataforma, agregándose ás xa recibidas, permitindo así unha avaliación continua.

Valorar unha experiencia vital moi estendida

Cada ano ingresan, e permanecen hospitalizados unha media de oito días, 35.000 persoas nos hospitais públicos de Ourense, Verín e Valdeorras. Esto supón que máis do 11,5% da poboación da provincia experimenta a lo menos un ingreso anual. Velaí a importancia de afondar na percepción desta experiencia que implica a tantas persoas e familias.

Un ingreso hospitalario ten un impacto directo na vida do doente, pero tamén un impacto relevante na vida das familias. Ese impacto asociado de preocupación pola saúde perdida e tamén pola incertidume, provoca unha percepción de vulnerabilidade e de dependencia que nalgúns casos complica o proceso de recuperación.

O obxectivo principal da hospitalización é a recuperación ou o mantemento da saúde perdida ou deteriorada, e para iso toda unha serie de profesionais efectúan técnicas diagnósticas e terapéuticas e realizan coidados especializados de alta calidade científico-técnica. Estes procedementos e coidados son monitorizados e avaliados de xeito continuo, pero esta avaliación clínica compleméntase agora cun seguemento continuo do propio paciente, o que sen dúbida mellorará a asistencia.

Artigos relacionados

Back to top button