CulturaCulturaÚltima hora

O OUFF Escola entrega os premios da súa VII edición

Nesta edición recibiron un total de 74 pezas nas que participaron máis de 2.000 alumnos
Foto de grupo dos participantes.

Na mañá de hoxe, 24 de outubro, celebrouse a gala de entrega de premios da VII edición do OUFF Escola no Auditorio Municipal de Ourense. Este certame, convocado pola Concellería de Cultura do Concello de Ourense, a área Normalización Lingüística e o propio Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF), en colaboración coa Secretaría Xeral de Normalización Lingüística, naceu co obxectivo de impulsar o uso do galego entre a mocidade, coñecer a visión desta sobre a súa contorna sociocultural e fomentar a creatividade audiovisual e o traballo en equipo nunha linguaxe atractiva para o alumnado, que contribúa a xerar un espírito crítico.

Nesta edición participaron un total de 74 pezas nas que colaboraron máis de 2.000 alumnos. O xurado estivo formado pola cineasta Ángeles Huerta; o asesor técnico da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta, o director Héctor Domínguyez-Viguera Queija; a actriz Sara Casasnovas e a coordinadora territorial dos equipos de dinamización lingüística da provincia, Manoli Maseda.

Desas case 80 pezas, este xurado decidiu conceder o primeiro premio en categoría de Infantil ou Primaria para “Quero un patio novo”, do CEIP Coirón Dena, de Meaño; dotado de 600 euros para o centro. O segundo galardón, de 400 euros, foi para a curta “Conversas en lata” do CEIP Torre Illa, da Illa de Arousa. Finalmente, o premio ao mellor guión foi para “Árbores no camiño” do CEIP Eduardo Pondal, de Vigo e obtiveron 300 euros de premio.

Na categoría doutros niveis de ensino non universitario, o primeiro premio foi para “Verba”, creado polo alumnado do IES Macías o Namorado de Padrón, dotado con 600 euros. O segundo galardón foi para “Algo Pasa en Guitiriz”, do IES Poeta Díaz Castro, de Guitiriz, e recibiron 300 euros. Finalmente, o premio ao mellor guión nesta categoría foi para “O Rumor”, do IES Santiago Basanta Silva, dotado con 300 euros, de Vilalba (Lugo).

O xurado tamén quixo facer unha mención especial polo seu traballo ao IES de Arzúa.

Artigos relacionados

Back to top button