CulturaCulturaÚltima hora

Outonía propón un “encontro para mulleres co fin de crear un mapa da memoria da auga na comarca de Valdeorras”

Os obradoiros desenvolveranse nos meses de outubro e novembro nos Concellos do Barco, A Rúa, Petín e Vilamartín

 

A partir do día 16 de outubro porase en marcha unha actividade dirixida a mulleres organizada por Outonía en colaboración cos Concellos do Barco de Valdeorras (a través da Concellería de Servizos Sociais), da Rúa, Petín e Vilamartín.

Trátase dun  “encontro para mulleres adultas, coa memoria e a identidade como eixes fundamentais”, adiantan dende o Concello do Barco, asegurando que “o río, a súa historia e as historias das mulleres que viviron en torno ao río serán a base en torno ao que se desenvolverá”.

Dende Outonía S.Coop.Galega, explican que  “Con-fluencias. Laboratorio Mutante: Cartografías fluviais contemporáneas con perspectiva de xénero”, é un proxecto que mistura arte, memoria e participación comunitaria grazas a unha subvención do Instituto das Mulleres e do Ministerio de Igualdade para o apoio da igualdade de xénero na produción e creación artística con intervención social comunitaria e perspectiva de xénero, que conta con dúas Pezas, intevencións que ocuparán os Concellos da Rúa, Petín, Vilamartín e o Barco de Valdeorras, de outubro a decembro.

 

 

Con-fluencias “aspira a crear un mapa da memoria da auga na comarca de Valdeorras, e a súa vinculación co río Silrepresentando as fronteiras físicas, pero tamén as simbólicas vinculadas ao territorio e á memoria”, e para iso “procurarase o diálogo que permita crear un espello das realidades que habitan nas beiras do río Sil. Tanto no momento presente, como no discorrer dos anos. Poñerase a mirada sobre os mapas de lugares en desuso, ou que só perviven na memoria, mapas con voz propia vinculados coa memoria da auga e os coidados da vida: os lavadoiros, as fontes, o río, os regatos, os pedragais…”, explican dende Outonía.

Na Peza 1, en relación á auga, “indagaremos na memoria da auga a través de obxectos e fotografías de arquivo. Coa artista Sol Álvarez como artífice aprenderemos como intervir nas fotografías do álbum familiar e noutros arquivos. Creando comúns entre as persoas participantes, mulleres de máis de 50 anos que habitan os concellos sinalados”, explican dende a organización, avanzando que crearán unha exposición colectiva, un catálogo e unha peza audiovisual.

 

 

As sesións desta Peza serán os luns 16, 23 e 30 de outubro en Petín (de 11 a 13 horas) e en Vilamartín de Valdeorras (de 15:30 a 17:30 horas); e os sábados 21 e 28 de outubro e 4 de novembro na Rúa (de 11 a 13 horas e no Barco de Valdeorras (de 15:30 a 17:30 horas). A inscrición é gratuita. No caso do Concello do Barco tanto presencialmente no edificio vello como nos teléfonos 637 746 704 e 988 684 885. Para o resto, no 622 83 42 18 (Outonía) ou no propio teléfono das Administracións locais sinaladas.

Na Peza 2. Cartografías fluviais: paseo emocional e orquestra, “a través dun mapeo colectivo, darémoslle voz ás historias somerxidas. Observaremos o antigo cauce do río para lembrar a vulnerabilidade das persoas perante as catástrofes como as crecidas, lembrando a auga como suxeito, con voz propia. Crearase un audiopaseo e unha orquestra experimental”, explican dende Outonía, engadindo que esta Peza “camiñará da man do Colectivo Galiza Emocional e o artista Nacho Muñoz xunto a Outonía S.Coop.Galega, dará comezo no vindeiro mes de Novembro”.

Artigos relacionados

Back to top button