SanidadeÚltima hora

Psiquiatría do CHUO e do hospital francés de Cadillac intercambian experiencias na atención aos pacientes

É a primeira xornada que se celebra en Ourense tras a sinatura dun convenio de colaboración para establecer un marco de aprendizaxe entre as dúas institucións e un intercambio de profesionais en formación entre ambos hospitais

 

Ourense acollía este 17 de abril a primeira Xornada clínica de primavera Cadillac-Piñor, organizada polo Servizo de Psiquiatría da área sanitaria ourensá. O seu obxectivo é o intercambio de experiencias entre os profesionais do Hospital de Piñor e o Hospital francés de Cadillac de Burdeos, na atención integral ao paciente psiquiátrico, centrándose sobre todo nas unidades de psiquiatría infanto xuvenil, a análise de casos clínicos e unha posta en común de programas funcionais e innovadores.

Trátase da primeira xornada que se celebra en Ourense tras a sinatura dun convenio de colaboración, na cidade francesa en en novembro do pasado ano, para establecer un marco de aprendizaxe entre as dúas institucións e un intercambio de profesionais en formación entre ambos hospitais como modo de compartir experiencias e saber teórico: Mir, Pir, Eir. (psiquiatras, psicólogos e enfermaría especialista en saúde mental).

A finalidade desta primeira xornada clínica de primavera Cadillac-Piñor é a de establecer un intercambio teórico clínico entre os profesionais de ambos países e compartir a experiencia dun modo de tratamento psicoterapeutico da psicose, tanto de adultos como de infanto xuvenil, orientado polo psicoanalisis lacaniano, na súa modalidade denominada “practica entre varios”. Dita modalidade de tratamento implica establecer unha atención psicoterapéutica na psicose o máis especifica para cada paciente a cargo, apostando pola clínica individualizada, que foxe do xeral e que implica unha orientación de traballo compartida por todo o equipo terapéutico interveniente, poñendo no centro da atención ao paciente en cada caso, único e irrepetible.

O Comité organizador integrado pola xefa de Sección de psiquiatría do Hospital de Piñor, Chus Gómez, e polos psiquiatras do CHUO Antón Casais, Alcira Cibeira, Esteban Morilla e Luisa Peleteiro, confeccionou un ambicioso programa onde tamén tivo o seu protagonismo a experiencia ourensá de Arte Espida que aglutina a maior colección nacional de arte feita por pacientes psiquiátricos.

A psiquiatra Chus Gómez, e o psicólogo e coordinador do taller Arte Espida, Andrés Díaz, presentaron aos asistentes á xornada o proxecto deste taller que conxuga arte e loucura , que abre dúas mañás á semana e que non ten unha rutina fixada. O perfil básico é o dunha persoa de mediana idade con diagnóstico de trastorno mental grave, con alto sufrimento psíquico que durante un tempo pode precisar un ingreso.

Arte Espida foi premiado pola área sanitaria e fíxose unha exposición na cidade que tivo unha gran acollida. É un proxecto que busca limitar o estigma e traballar pola integración social dos pacientes, uns valores que levaron o pasado ano a Arte Espida ao Museo Thyssen a través da xornada impulsada por Cultura en Vea para abordar os vínculos entre a arte e a saúde mental.

 

 

Intercambio de persoal en formación

Ata a data, tres enfermeiras residentes do servizo de psiquiatría do CHUO que fan a especialidade de saúde mental, fixeron unha estadía clínica no Hospital francés de Cadillac, con moi boa experiencia e a finais deste mes de abril unha MIR R4 de psiquiatría, Elena López Serrapio, fará a súa rotación externa durante catro meses baixo a titoría do doutor Esteban Morilla no servizo de psiquiatría infanta xuvenil do centro hospitalario de Cadillac en Francia.

Esta estadía é posible grazas á aportación dunha beca internacional concedida pola Asociación Galega de Psiquiatría e a Fundación María José Jove que estaba destinada aos residentes de terceiro ou cuarto ano que estiveran no período de rotación libre do programa MIR na especialidade de psiquiatría. O obxectivo desta rotación externa será a de entrar en contacto co sistema de hospitais de día de saúde mental infanta-xuvenil francés dirixidos a menores con trastorno mental grave, aprender do abordaxe diagnóstico, clínico e terapéutico realizado con menores con TEA e observar de preto os proxectos de investigación do hospital.

Este servizo francés conta con tres hospitais de día: dous deles para adolescentes entre 12 e 17 anos e un para nenos de 4 a 12 anos. Neste último, o hospital “L’lle Verche”, presta atención a menores con TEA e alteracións da conduta graves que precisan un coidado altamente especializado. Sendo os hospitais de día de saúde mental infanto xuvenil un dos recursos crecentes na actualidade no noso sistema, impresiona de vital importancia enriquecerse das achegas empregadas no resto de áreas sanitarias europeas.

Artigos relacionados

Back to top button