CarballedaConcellosEn portadaO BarcoRubiáÚltima hora

Reunión coas comunidades de montes do Barco, Carballeda e Rubiá para abordar os danos do incendio de xullo

 

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, e polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, mantivo esta mañá un encontro con representantes das comunidades de montes veciñais en man común de Carballeda de Valdeorras, O Barco de Valdeorras e Rubiá, para analizar os danos causados polo incendio forestal que afectou unhas 10.500 hectáreas na comarca o pasado mes de xullo. A este encontro tamén asistían os alcaldes do Barco, Alfredo García; de Rubiá, Elías Rodríguez; e a alcaldesa de Carballeda, María Carmen González. O conselleiro apuntaba que se está en prazo de solicitar os 4 millóns de euros en axudas convocadas pola Consellería do Medio Rural para a reposición de explotacións forestais, agrícolas ou gandeiras que se viran afectadas por estes incendios.

Tras a extinción do lume, os esforzos, segundo se sinalaba na reunión, “céntranse agora na recuperación do solo e do potencial produtivo da zona. Neste senso, tras os estudos realizados polos técnicos do Centro de Investigación Forestal de Lourizán constatouse que a afectación do lume ao solo foi de baixa a moderada na súa gran maior parte, polo que o risco de erosión nesas zonas é baixo e non supón unha modificación substancial das súas propiedades”. Así o explicou nesta xuntanza Cristina Fernández, investigadora do devandito centro, quen tamén sinalou que, da superficie total afectada por este incendio, tan só 42 hectáreas presentaron un índice alto de severidade no solo, principalmente en algunhas ladeiras, polo que se levará a cabo a aplicación dunha cobertura sobre o solo queimado.

 

 

Axudas aínda dispoñibles

Segundo a orde publicada o pasado mes de xullo no Diario Oficial de Galicia (DOG), lembrouse que as subvencións para explotacións forestais poderán concederse de cara á reposición das infraestruturas de titularidade privada situadas en terreos forestais e a maquinaria e equipamento forestal danados como consecuencia dos labores de extinción dos incendios. Tamén, para a madeira amoreada queimada e de corta, recollida e esteladura da madeira queimada non comercial ou traballos de sinalamento, cubicación e/ou taxación de madeira comercial en montes sen xestión pública, nas zonas afectadas polos lumes.

No que atinxe ás explotacións agrícolas e gandeiras, as axudas cubrirán a reposición dos bens, equipamentos, maquinaria, medios de produción, producións e gando ou colmeas danados, así como a subministración de alimentación complementaria de gando ou colmeas nas zonas afectadas polos incendios.

En todos os casos, as axudas tramitaranse en réxime de concorrencia non competitiva, cuns límites máximos que están fixados na convocatoria segundo o tipo de beneficiario que oscilan entre os 3.000 euros (para cubrir os custos de alimentación de gando) e os 50.000 euros (para a maquinaria forestal danada en tarefas de colaboración na extinción dos lumes). O prazo para a solicitude destas axudas remata o próximo luns 29 de agosto.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button