PolíticaÚltima hora

Rexeitada no Parlamento galego a iniciativa do BNG en defensa do emprego en Irosa e de crear unha mesa de traballo con todas as partes

O PP votaba en contra sinalando que "a normativa establece que empresa e traballadores poden solicitar a intermediación da Xunta a través do Consello Galego de Relacións Laborais"

A deputada do BNG, Noa Presas.

 

A proposta que o BNG defendía na Comisión 6ª de Industria, Enerxía e Turismo do Parlamento de Galicia para instar á Xunta a “iniciar accións para o mantemento do emprego na empresa Irosa-Samaca, polo seu impacto socio-económico para a comarca de Valdeorras, e constituír unha mesa de traballo con todas as partes implicadas para garantir o mantemento da actividade industrial” non saía adiante ao votar en contra o grupo parlamentario do PP.

Antes de comezar coa defensa da iniciativa, a deputada Noa Presas amosaba o seu apoio ao persoal de Irosa-Samaca e o compromiso do BNG de continuar presionando para acadar “unha solución dialogada entre as partes” que permita a continuidade plena da actividade e polo tanto o respiro ás 250 familias que dependen directamente desta empresa. Por extensión, dixo, tamén quero transmitirlle a solidariedade a toda a comarca de Valdeorras, “unha comarca moi castigada na que un peche destas dimensións sería absolutamente demoledor”.

Tras ela interviña o portavoz do PP nesta comisión parlamentaria, Adrián Pardo López, quen expresaba tamén o seu apoio aos traballadores de Irosa-Samaca e destacaba a importancia desta empresa do sector da lousa para a comarca de Valdeorras. Ademais lembraba os pasos dados pola Xunta nesta cuestión como o feito de declarar de utilidade pública e interese social os terreos da empresa, nun acordo tomado o 21 de outubro de 2022 polo Consello da Xunta. “Ata o momento o apoio da Xunta ao mantemento dos postos de traballo que nesas empresas foi máximo”, dicía Pardo.

 

 

Ademais, propoñía unha emenda de substitución ao texto presentado polo BNG, que era a seguinte: “o Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a continuar traballando polo mantemento do emprego da empresa Irosa-Samaca en atención á importancia socioeconómica para a comarca de Valdeorras, sempre no ámbito das súas competencias e dende o respecto e acatamento aos pronunciamentos xudiciais, así como realizar as tarefas de intermediación que lle poidan requerir as partes no conflito laboral. ¿Por que é importante recalcar estas tarefas de intermediación e non mesa de negociación? Porque a normativa vixente establece que ante un conflito laboral, tanto os traballadores como a empresa, poden solicitar a intermediación da Xunta a través do Consello Galego de Relacións Laborais  e ese é o procedemento legal ao que facemos referencia, e por iso a nosa emenda de substitución”.

En resposta a Pardo, a nacionalista Noa Presas plantexaba unha proposta de transacción ao texto e sinalaba que “subscribimos o 95% da sua emenda, pero engadimos simplemente que haxa unha mesa de traballo, o mesmo que a ten habido con milleiros de empresas ata agora, como Alcoa, entre outras. Son vostedes os que están rompendo o consenso porque a Xunta ten competencias enmateria de industria, de autoridade laboral, de xestión de montes. Hai que intentar unha mesa de diálogo, se non se consegue, xa se vera pero polo menos hai que intentalo. Esta iniciativa que hoxe presentamos non é do BNG, é dos traballadores de Irosa e Samaca en primeiro lugar e despois da comarca de Valdeorras, e chega a través de nós ao Parlamento”.

Noa Presas explicaba que hai un mes e un día “as nove alcaldías da comarca, concellos do PP, do PSOE e do BNG saían unanimemente asinando un compromiso cos traballadores para buscar unha solución. Este acordo unánime acadado en Carballeda de Valdeorras, Larouco, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Petín, Rubiá, Vilamartín de Valdeorras, A Rúa, A Veiga, parece que non lle interesa ao Partido Popular”, dicía Presas.

A mesma unanimidade, engadía a parlamentaria, repetíase dous días despois na Deputación de Ourense “ao igual que a que se producía na comisión de Industria do Parlamento galego nun debate sobre a minería e no que eu mesma expresei a miña solidariedade e preocupación e os demais voceiros tamén”. E máis, “un deputado de Valdeorras, do partido que apoia o goberno, asentía coa cabeza”.

Noa Presas lembrou a manifestación histórica en Valdeorras polo emprego en Irosa e a pesar de todas estas manifestacións de apoio, un mes e un día despois, recalcou a deputada, “a Xunta segue poñéndose de perfil”.

Pola súa banda, a voceira socialista na comisión, María Leticia Gallego, expresaba tamén a súa solidariedade e apoio ao persoal de Samaca e Irosa, lembraba a batería de iniciativas presentadas tamén polo PSdeG con respecto a esta problemática e amosaba o seu apoio á proposta do BNG.

Ademais, antes da votación da iniciativa, a deputada do BNG solicitaba un receso para reunirse cos voceiros do PP e do PSdeG-PSOE co fin de poder chegar a un acordo, pero non foi posible e a iniciativa só acadaba os votos do BNG e do PdeG-PSOE, un total 5, fronte aos 7 en contra do PP, co cal resultaba rexeitada.

Artigos relacionados

Back to top button