
No seu labor como investigador sempre ten presente ao paciente. “Non quero títulos, nin premios, o que quero é poder curar xente. É certo que na investigación básica non ves ao paciente, pero hai que pensar que isto despois vai ser para unha persoa”, destaca o valdeorrés Román Seco Gudiña, bioquímico, máster en investigación clínica e aplicada en Oncoloxía e doutor en Nanomedicina.
De feito era a súa relación con dúas persoas enfermas de cancro a que o encamiñaba á investigación en terapia xénica, unha forma experimental de tratamento que usa a transferencia de xenes á célula dun paciente para curar a enfermidade. O seu obxectivo é innovar para descubrir novas terapias contra o cancro e mellorar así a calidade de vida das persoas. “Sempre se fala de diagnósticos, que é algo moi importante, porque se detectas a tempo un cancro podes tratalo; en cambio non se fala de novas terapias, de tratar directamente ao paciente, de curalo á marxe do estado no que estea, que iso é ao final o que importa. Trátase de investigar novas vías, de ampliar o que eu chamo límites e de entender mellor o que significa esta enfermidade”.
Neste 2023 Seco Gudiña defendía a súa tese, Terapia dirixida no proceso tumoral: un enfoque multidisciplinar, baixo a dirección do vilamartinés Rafael López e María de la Fuente de Oncomet (grupo de Oncoloxía Médica Traslacional) e de Pepe Rivas do grupo NANOMAG da Universidade de Santiago (USC).
– ¿Como nace a súa vocación científica?
Con 6 anos interesábanme os dinosaurios e quería ser paleontólogo. Despois, en primaria e secundaria, vin que me atraían moito as ciencias e a finais da ESO xa pensaba en dedicarme á investigación. Nun principio quería estudar Medicina, pero logo atopei a carreira de Bioquímica e apunteime. Estudei en Pamplona e rematei alá polo 2014. E foi xustamente ese ano cando empecei a encamiñarme cara a área de oncoloxía.
– ¿Por que?
Un neno amigo da familia tiña unha enfermidade rara en cancro e, a raíz de ir visitalo a Santiago mentres facía as prácticas de verán no hospital, funme achegando a ese mundo. Ao final non puido superar o cancro e nese momento decidín decantarme por ese camiño ao ver que unha enfermidade pouco frecuente non se investiga. Pensei que iso non podía ser así, e entón optei por esta rama dos tumores, quería meterme nese campo para descubrir novas terapias.
– ¿Que pasos deu nese senso?
Cursei un máster en Madrid de investigación clínica e aplicada en Oncoloxía e realicei prácticas no CNIO (Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas), onde coñecín a moita xente e vin que podía dirixirme cara a terapia xénica, que non está moi desenvolvida.
– ¿Que é a terapia xénica?
Dise daquela terapia na que introduces material xenético no interior dunha célula, que pode ser ADN ou ARN. É dicir, o corpo sintetiza proteína e a proteína o que fai é dirixir case todas as accións do corpo, para iso necesita que un fragmento de ADN se converta en ARN, e ese ARN despois nunha proteína. Coa terapia xénica introduces material xenético que non se atopa aí para corrixir unha función que non está ben, ou sexa, ten unha acción terapéutica.

– E xa en Madrid comezou a investigar nesta área…
Alí fixen o traballo de fin de máster sobre terapias experimentais que están pouco estudadas, fóra do que son os medicamentos, e ao rematar quería seguir desenvolvendo esas ideas e atopei unha oportunidade en Santiago, da man do doutor Rafael López de Vilamartín. Quedamos un día para falar e expúxenlle as miñas ideas, gustáronlle e así entrei no seu grupo de investigación, Oncomet, onde estiven na unidade de nanooncoloxía. E a miña tese doutoral, tras matricularme na Universidade de Santiago no 2017, fíxena en Oncomet e no grupo de investigación NANOMAG (Magnetismo e Nanotecnoloxía) da USC.
– ¿En que se centra a súa tese?
Desenvolvín unha terapia que destruía especificamente as células tumorais e deixaba en paz ás outras. É ADN entrando na célula que esta identifica.
– ¿Na súa tese deseñou todo o proceso, dende a elección dos materiais?
O que deseñei foi o material xenético. Na primeira fase fixen o deseño in silico, en ordenador por modelos computacionais, logo vén a parte in vitro, que é en placas, e esta tamén a fixen. Traballei na parte preclínica, pero faltaría a seguinte fase in vivo, o ensaio ata o final, este tipo de procesos dura dez anos.
– ¿Vai seguir investigando?
Quero seguir desenvolvendo esas tecnoloxías, continuar por esa mesma liña ou por outras similares e estou moi focalizado na terapia xénica condicionada por determinado cancro ou por determinada mutación, é estender iso, usar outros materiais.
– ¿Como ve a situación dos investigadores mozos?
Hai un pouco de todo, algúns marchan fóra xustamente porque non son recoñecidos e ven que no estranxeiro poden seguir evolucionando. Moitos vanse da investigación á industria, ao mundo da empresa, que resulta máis seguro, xa que a investigación é algo moi volátil. O Estado debería configurar os contratos de investigación porque non existe o contrato fixo, sempre se fai a base de proxectos, hai temporalidade e moita precariedade, por iso a maioría dos investigadores deciden marchar.
O de ter que irte fóra para poder traballar despois no teu país véxoo como algo innecesario, podes ir de estadía ou o que sexa, pero é un requisito que me chirría bastante xa que noutros estados, como pode ser Francia, non se funciona igual. A xente coa que eu traballo é válida e non sae da súa cidade, xa non os deixan marchar. Se te vas fóra, o mérito lévao o país de acollida e non o que te formou, e ao final iso acaba sendo unha fuga de cerebros. Hai que fomentar o talento autóctono, dar máis axudas.
Texto: A.R.
Fotos: Carlos G. Hervella.
(A entrevista íntegra pode lerse na edición en papel do Periódico O SIL de setembro).