A lingua galega, a súa situación a nivel lexislativo e a súa realidade no día a día eran os elementos en torno aos que xiraba a charla-coloquio que Galiza Nova Valdeorras organizaba no Barco na tarde do 12 de maio.
“Unha lingua non é só un vehículo de comunicacións, é moito máis, é unha expresión dunha identidade”, sinalaba Suso Vilasánchez, membro do BNG de Valdeorras, xusto antes de dar paso e presentar a Marcos Maceiras, presidente da Mesa Pola Normalización Lingüística.
Na súa intervención Maceiras partía da lexislación sobre o galego, comparando a súa realidade coa do castelán, e destacando ás situacións de vulnerabilidade ás que se enfrontan no territorio galego os falantes nesta lingua. “Tes o dereito de falar galego, pero non as medidas para levar iso á práctica. As limitacións veñen impostas polas disposicións legais que obrigan ao uso do español”, aseguraba.
Neste senso, tamén se refería á “Proposición de lei por iniciativa lexislativa popular (ILP), de medidas para a garantía dos dereitos lingüisticos no ámbito socioeconómico”, que está a promover a Mesa. A primeira das cuestións que recolle este texto é “garantir o dereito á atención en galego, xa que a práctica demostra que non existe”, apuntaba Maceiras.
Con esta ILP a Mesa reclamama “igual trato e iguais dereitos, concretamente que se garanta materialmente o exercicio do dereito á información e á atención en galego, nun ámbito tan básico como o socioeconómico”.
Fotos: Ángeles Rodríguez.