EntrevistasÚltima hora

“Temos que ensanchar a nosa base social e aglutinar a todos os galegos que cren que hai que darlle un cambio ao país”

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, valora este inicio de curso político e fala da vindeira asemblea nacional desta formación política

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, encara o novo curso político que vén de encetarse en Galicia incidindo na importancia da reactivación económica e social en Galicia e, tamén, na necesidade de “reforzar a sanidade pública”. Ademais, neste outono afrontará unha cita que considera “determinante” para o futuro da formación nacionalista: a súa 17ª Asemblea Nacional.

¿De que maneira afronta o BNG este inicio de curso político?

Estamos nun inicio de curso político onde a prioridade é moi evidente: a reactivación económica e social e aprender das leccións que nos deixa esta pandemia, que claramente fala de que hai que reforzar a sanidade pública, de que hai cambiar o modelo dunhas residencias onde se fai negocio co dereito a unha vellez digna e non permitir que un dereito se converta nun negocio, vendo ademais as consecuencias tan nefastas que tiña durante estes duros meses do Covid.

En relación coa reactivación económica a nosa prioridade é que Galiza non pode quedar discriminada no reparto dos fondos europeos e que se necesita un plan de país para transformar as enormes potencialidades que temos en oportunidades nesta nova era, aí non podemos ocultar a nosa preocupación porque a estratexia de Feijóo é entregar Galiza á dialéctica de confrontación de Pablo Casado e está desatendendo un elemento tan importante como é ser útil na defensa deses intereses.

O grave tamén é que non sabemos que vai pasar cos fondos, ademais vemos un goberno que non ten proxecto de futuro porque a estas alturas o Parlamento no coñece cal é o plan da Xunta para usar estes fondos e moito nos tememos que aquí só hai dúas hipóteses: ou ben non hai plan ou ben hai algo que ocultar. E sería dramático que estes fondos acabaran engrosando as contas de resultados das grandes multinacionais porque significaría repetir os erros do pasado. No 2009 salvouse á banca, agora quérese salvar ás multinacionais e iso sería unha gran estafa porque estes recursos teñen que servir para fortalecer os servizos públicos, para rescatar aos sectores máis afectados nesta crise, para poñer en marcha un novo proxecto de país que debe apostar polo verde, pola innovación, polo emprego de calidade e por que produzamos aquí.

 

 

¿Como se está a preparar a vindeira asemblea nacional do BNG prevista para novembro?

A 17ª Asemblea Nacional é unha asemblea determinante porque empezamos un novo ciclo no que temos que enfrontar con decisión o reto de obter a presidencia da Xunta de Galiza dentro de tres anos. Hai cinco anos iniciabamos un ciclo moi diferente, pasamos da resistencia á reactivación, a un despegue que nos sitúa ante un novo reto para o que temos que prepararnos e fortalecer a organización, ensanchar a nosa base social e ser capaces de aglutinar a todos eses galegos e galegas que cren que hai que darlle un cambio ao país.

E ese cambio para ser real ten que pivotarse sobre a presidencia do BNG e eu penso que esa é a reflexión de fondo que temos que facer neste novo período no que imos iniciar un novo ciclo e debemos facelo con todas as garantías, pensando, reflexionando ben e, sobre todo, acertando polo ben de Galiza.

¿Vaise apostar por un maior achegamento aos concellos, ás agrupacións locais van ter máis protagonismo?

Estou convencida de que contar cunha organización sólida é a base para que os avances non teñan pés de barro e que para teñamos uns piares que nos permitan enfrontar tamén as transformacións que necesita Galiza. E para poder ter pés sólidos necesitamos fortalecer as nosas asembleas locais e ter unha presenza máis importante a nivel municipal porque iso vainos a dar unhas raíces sólidas sobre as que construír o futuro. Iso é fundamental.

Artigos relacionados

Back to top button