SanidadeÚltima hora

Tempo de colleita nas hortas terapéuticas do Hospital Universitario de Ourense

Forma parte xa da programación habitual de rehabilitación e terapia dos pacientes de saúde mental atendidos polo Hospital de Día de Psiquiatría

 

Nestes días é tempo de colleitas nas hortas terapéuticas que ao longo do ano coidan os e as pacientes do Hospital de Día de Psiquiatría de Ourense, como parte do seu programa de rehabilitación e terapia, unha labor integral que aporta unha experiencia lúdica e positiva, especialmente emocional nestes días nos que poden disfrutar do traballo de todo o ano.

A experiencia comezou en plena pandemia, xusto á saída do confinamento, para dar resposta á necesidade de manter as terapias grupais, a sociabilización e o exercicio físico, nun ámbito seguro para os pacientes, por medio do coidado da horta terapeútica, situada na cuberta do novo edificio de hospitalización, onde tamén se desenvolvían ao ar libre as terapias grupais, despois dunha andaina con saída e volta ao hospital.

Desde hai xusto un ano as posibilidades de traballo e semente ampliáronse ao acceder a unhas das parcelas das hortas ecolóxicas municipais de Mariñamansa, por medio dun convenio coa Concellería de Medio Ambiente. O novo terreo permitíu establecer unha ruta para ir andando desde o hospital dun a outra horta, aumentando tamén as posibilidades de cultivo, botando patacas, tomates e calabacíns.

 

 

Fonte de saúde física e mental

Os beneficios da xardinería e a horticultura están ben documentados na literatura científica, tanto cara os beneficios epixenéticos e de lonxevidade, da que da mostras a nosa provincia, como fonte de benestar e satisfacción persoal en xeral, especialmente cando é grupal, xa que permite a socialización, facilita ampliar a rede social, obter experiencias emocionais positivas e reducir o estrés, de gran axuda no tratamento complementario das enfermidades mentais.

Os pacientes con trastornos mentais graves presentan ademais un aumento de vulnerabilidade á hora de adoptar estilos de vida perxudiciais, debidos ao sedentarismo, tabaquismo e mantemento de malos hábitos dietéticos. Na perpetuación destes hábitos de vida hai varios factores, dunha banda o tratamento antipsicótico, que supón un factor de risco para o desenvolvemento de obesidade e síndrome metabólico, e doutra a enfermidade mental mesma que provoca abulia e anhedonia, apatía e dificultade para disfrutar das cousas agradables da vida, que dificultan o mantemento da actividade física.

As andainas dos pacientes de saúde mental e seu traballo na horta terapeútica son xa unha presenza habitual no hospital, dando vida a unha cuberta que serve de espazo de desconexión para os profesionais, que desenvolven neste espazo reunións de traballo ou sesións, de traballo de rehabilitación con pacientes de pneumoloxía ou traumatoloxía, ou de conexión co ar libre, doutros doentes con longas estanzas no hospital, ou incluso para encontros familiares nun ambiente máis amable.

Compromiso dos profesionais

Para asumir dentro da programación do Servizo de Psiquiatría é indispensable o compromiso e entusiasmo dos profesionais do seu Hospital de Día que os acompañan e alentan, desde a psiquiatra e o psicólogo clínicos, á enfermeira, e ás técnicas de coidados auxiliares de enfermería, aprendendo para poder servir de axuda aos pacientes tamén nesta faceta.

Neste labor de rehabilitación e integración colabora tamén a Sección de Alimentación e Cociña que, da man do seu xefe de sección, Antonio Pazos, acolle aos pacientes nunha clase de cociña saudable, que se desenvolve unha vez ao mes e que hoxe se despiden cunha pizza ata setembro.

Artigos relacionados

Back to top button