
“A situación actual preocúpanos por ese incremento explosivo de casos da última semana. Estamos nunha fase da pandemia, marcada pola variante ómicron (que aparecía por vez primeira en Galicia o 8 de decembro). A entrada abrupta desta variante está a producir este récord de contaxios. Hoxe, polos datos que temos ata agora, poderíamos chegar a superar os 4.000 casos diarios. Polo tanto, estamos ante un risco certo, nunca houbo tantos contaxios, nin tantos positivos”, dicía o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, ao inicio da súa comparecencia para dar conta das decisións tomadas na reunión de onte do Comité Clínico que fai seguemento do Covid-19 en Galicia.
Neste senso, o conselleiro anunciaba unha serie de medidas, ademais de incidir na vacinación, “para minimizar o impacto dos efectos e ómicron, que chega no peor momento posible a Galicia, sobre todo pola interacción que temos nestas datas”. Estas medidas entrarán en vigor na noite do 30-31 de decembro e ata o 18 de xaneiro. “Son medidas proporcionadas e medidas distintas para unha situación distinta que esperemos que permitan conter o incremento tan importante de casos”.
Así, o Julio García insistía, en primeiro lugar, no “uso de máscara en interiores e exteriores, só se pode quitar no momento de beber ou de inxerir alimentos, especialmente en eidos como a hostalaría ou nos ámbitos de traballo”. Ademais o conselleiro anunciaba o peche da hostalería e restauración a partir das 00,00 horas, excepto venres e sábado, onde ese peche prolóngase ata as 01,00 horas, do peche do lecer nocturno ás 02,00 horas; e un toque de “non queda”. “Queda prohibido quedar con outras persoas entre as 02,00 e 06,00 horas. Poderán transitar pola rúa as persoas soas ou da mesma unidade familiar. Esta medida necesitará o aval previo do TSXG. Deste xeito búscase evitar, ao rematar ese horario, o encontro de persoas non conviventes en festas en prazas ou nas rúas”. Ademais estenderase o certificado covid en toda hostalería durante todo o día.

Tamén quedará prohibido o consumo en barra e limitaranse os eventos musicais masivos, onde o público terá que estar sentado e con aforo limitado. O conselleiro mencionaba como excepción que na noitevella a “hostalería e restauración pecharán ás 1,00 horas e non poderán abrir ata as 10,00 horas do día 1”. Unha cuestión que queda pendente, en función do que se decida na reunión prevista para esta tarde coa hostalaría, é a do ocio nocturno. “Podería pecharse no rango das 3h. ou ben se se pecha definitivamente toda a noite”.
Así mesmo, Julio García Comesaña, aconsellaba que non se “excedan as dúas unidades familiares nas comidas familiares ou ceas e, e a ser posible, que sexan as mesmas da Noiteboa ou do Nadal”. Ademais recoméndase os formatos de cabalgatas de Reis estáticas.