En portadaÚltima hora

Trives e Río, entre os 39 concellos galegos que aspiran aos galardóns do programa “Vilas en Flor”

Na súa avaliación para conceder as Flores de Honra aos concellos, o xurado analizará a implantación e xestión de espazos verdes, así como a contribución das políticas ambientais ao desenvolvemento económico e turístico dos municipios. Tamén participan Allariz, O Carballiño e Leiro no caso da provincia de Ourense

Xardín na vila de Trives./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A edición 2022 do programa “Vilas en Flor” avanza a bo ritmo, tras a reunión dos membros do xurado para a posta en común do estado actual dos municipios valorados. A iniciativa, impulsada pola Fundación Juana de Vega, procura a mellora ambiental, social e económica dos concellos galegos. Este ano, o quinto en que se celebra este certame que segue o modelo de grandes pioneiros en paisaxismo como Reino Unido, Irlanda, Francia, Italia ou Canadá, bateuse o récord de participación, con 39 municipios, entre eles están os da Pobra de Trives e San Xoán de Río.

Todos eles aspiran a recibir as flores de honra (ata un máximo de cinco), coas que se valoran as accións desenvolvidas para mellorar e resaltar os espazos verdes urbanos, a xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna. A entrega de galardóns celebrarase o vindeiro 2 de decembro, en Caldas de Reis.

O obxectivo desta reunión era realizar unha análise pormenorizada de cada apartado do sistema de valoración e dialogar para conseguir unha valoración transversal e homoxénea. Algunhas das conclusións extraídas do encontro foron sobre como a variada morfoloxía e distribución espacial dos municipios galegos, require estudos concretos focalizados en cada realidade. En xeral, os resultados son positivos no apoio para a mellora das condicións e xestión ambiental dos municipios para conseguir un mellor futuro.

O equipo do xurado está formado por profesionais de recoñecido prestixio no ámbito do paisaxismo. Son un total de trece expertos, desde docentes universitarios ata enxeñeiros agrónomos e enxeñeiros técnicos agrícolas de entidades públicas e privadas, arquitectos e mesmo historiadores, tanto de Galicia como de Portugal.

O proxecto persegue a mellora ambiental, social e económica dos concellos galegos, así como a dinamización do sector do paisaxismo e a ornamentación. Por tanto, o xurado deberá avaliar aspectos como a adecuada implantación e xestión dos espazos verdes realizada polos concellos, así como a contribución das súas políticas ambientais ao desenvolvemento económico local, xerando máis actividade económica derivada do propio sector da planta ornamental e da xardinería así como dun previsible aumento de visitas turísticas.

O certame Vilas en Flor está organizado pola Fundación Juana de Vega, a Asociacion de Viveristas do Noroeste (Asvinor) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar), e patrocinada por destacadas empresas: Rain Bird e Husqvarna.

Relación de concellos participantes

Provincia de Ourense: Allariz, O Carballiño, Leiro, A Pobra de Trives e San Xoán de Río.
Provincia de Pontevedra: A Guarda, Baiona, Caldas de Reis, Cambados, Cuntis, Gondomar, Lalín, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Tomiño, Tui, Mondariz, Vilagarcía de Arousa e A Estrada.
Provincia da Coruña: Culleredo, Fene, Narón, Ortigueira, Ponteceso, Pontedeume, Sada, San Sadurniño, Oza-Cesuras, Miño, Abegondo, Arteixo, Coristanco, Carballo, As Somozas, Curtis e A Laracha.
Provincia de Lugo: Chantada, Mondoñedo e Sarria.

 

Reunión do xurado do certame./ Cedida.

 

Integrantes do xurado

• María Isabel Iglesias Díaz. Doutora en Ciencias Biolóxicas. Profesora titular na Escola Politécnica Superior da Universidade de Santiago de Compostela.
• Carlos Cárcamo Álvarez. Enxeñeiro técnico agrícola municipal do Concello de Ourense.
• María Natividad Gilsanz Mosquera. Bióloga. Técnico de medio ambiente Concello de Ferrol.
• Camino Nicolás Velado. Directora do Centro de Formación e Experimentación Agraria de Guísamo.
• Silvia V. Caffaro. Doutora Enxeñeira Agrónoma. Empresa: Viveros Florgalicia S.L.
• Xurxo Xoán González Conde. Administrador de Viveiros Adoa
• Francisco Javier González Abuín. Enxeñeiro técnico agrícola. Experto en xestión de espazos verdes.
• Domingos Manuel Mendes Lopes. Director da Graduation de Arquitetura Paisagista da UTAD. Profesor do Departamento de Ciências Florestais e Arquitetura Paisagista da Universidade de Trás-os-Montese Alto Douro (UTAD)
• Manuel Torres Lavandeira. Doutor Enxeñeiro Agrónomo. Profesor titular na Escola Politécnica Superior da Universidade de Santiago de Compostela.
• Manuel Rodilla del Barrio. Arquitecto técnico.
• José Antonio Rivas Paz. Enxeñeiro agrónomo. Xerente da Fundación Ingeniería agronómica para el desarrollo de Galicia.
• Javier Padin Martínez. Arquitecto técnico e historiador.
• Antón Vázquez Caamaño. Enxeñeiro técnico agrícola. Técnico de viveiros da Xunta de Galicia (Xubilado)

Artigos relacionados

Back to top button