OurenseÚltima hora

Trives e Río, entre os 6 concellos ourensáns do programa “Vilas en Flor 2023”

Esta iniciativa premiará o esforzo de 39 municipios galegos por mellorar os seus espazos verdes

Xardín na vila de Trives./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Durante a primeira quincena de outubro, un grupo de expertos do programa “Vilas en Flor 2023” visitará os 39 concellos inscritos nesta edición para valorar o traballo que realizaron nos pasados meses co obxectivo de mellorar a xestión dos seus espazos verdes. Todos eles aspiran a recibir os galardóns denominados Flores de Honra (ata un máximo de cinco) cos que tamén se recoñecerán aspectos como a xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna.

Xinzo de Limia, Ponteareas e O Rosal participan por primeira vez nesta iniciativa impulsada pola Fundación Juana de Vega xunto con Asvinor (Asociación de Viveristas del Noroeste) e Agaexar (Asociación Galega de Empresas de Xardinería). Por provincias, na Coruña hai 15 concellos adscritos; outros 15 en Pontevedra; 6 en Ourense e 3 en Lugo co denominador común de que todos eles teñen menos de 40.000 habitantes.

Provincia de Ourense (6): Allariz, O Carballiño, Leiro, Pobra de Trives, San Xoán de Río, Xinzo de Limia. Provincia de Lugo (3): Chantada, Mondoñedo, Sarria. Provincia da Coruña (15): Culleredo, Narón, Ortigueira, Ponteceso, Pontedeume, Sada, San Sadurniño, Oza-Cesuras, Abegondo, Arteixo, Coristanco, Carballo, As Somozas, Curtis, A Laracha. Provincia de Pontevedra (15): Baiona, Caldas de Reis, Cambados, Cuntis, A Estrada, Gondomar, Lalín, Mondariz, Ponteareas, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Tomiño, Tui, Vilagarcía.

Expertos de Galicia e de Portugal

O equipo de expertos está formado por un total de catorce profesionais voluntarios, de Galicia e de Portugal, todos cunha longa traxectoria no ámbito do paisaxismo, o viveirismo, a bioloxía ou a formación agraria, e cun perfil diverso. O grupo está integrado por docentes universitarios, enxeñeiros técnicos agrícolas, enxeñeiros agrónomos, arquitectos ou técnicos municipais de concellos de máis de 40.000 habitantes que tamén queren colaborar con Vilas en Flor, tanto de Galicia como de Portugal.

Repartidos en grupos, están a realizar os percorridos polas 39 localidades acompañados dos responsables municipais. Os tres aspectos contemplados nas bases que valoran os expertos son: o patrimonio vexetal e paisaxístico; o respecto polo medio ambiente e a sostibilidade; e o uso social e as sinerxias coa actividade turística. A entrega dos galardóns “Vilas en Flor 2023” terá lugar nun acto público a finais do outono.

Artigos relacionados

Back to top button