CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Un documental sobre Florencio Delgado Gurriarán, no Festival de Cine Internacional de Ourense

Ademais da estrea da película, hoxe comeza en Valdeorras unha dinámica cos centros educativos para preparar a próxima gala do Premio de Poesía

 

O ciclo cine e literatura do OUFF, o Festival de Cine Internacional de Ourense, ten nesta edición 2022 inclúe un traballo sobre o poeta corgomés Florencio Delgado Gurriarán. A vida e a obra do autor valdeorrés, homenaxeado nas Letras Galegas, estarán na gran pantalla do Teatro Principal Ourense onde este mércores 28 de setembro ás 17.00 horas estréase o documental “Florencio Delgado Gurriarán. Do A ao Z”, realizado por Aser Álvarez, de Arraianos Producións co apoio da Deputación de Ourense.

 

 

Tal e como describe o seu director, esta peza é un percorrido pola vida e obra de Florencio, explorando todas as posibilidades da linguaxe audiovisual a través das palabras, os poemas, as paisaxes de Valdeorras e as achegas dos seus biógrafos, familiares e amigos. Uns materiais que se combinan con imaxes e sons do seu arquivo persoal e familiar, xunto con músicas tradicionais e contemporáneas, os bailes, os viños e os lugares de Córgomo. Nel aparecen, ademais de
familiares de Florencio en México, Ricardo Gurriarán, Fátima Delgado, Héctor Carajaville e Xesús A. Montero.

Á estrea desta tarde acudirá unha representación do proxecto As Letras de Florencio, coa súa directora, Débora Álvarez, o alcalde de Vilamartín Enrique Álvarez e a concelleira de Cultura do Barco Margarida Pizcueta.

 

 

IV Premio de Poesía

Este xoves 29 de setembro remata o prazo para a presentación de obras para o IV Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán e mentres o xurado delibera, xa se avanzan os preparativos da gala de entrega do premio, que este ano pretende ser moi participativa. Así, dende o proxecto As Letras de Florencio iníciase un percorrido polos centros de primaria da comarca para traballar co alumnado conceptos sobre a lingua galega presentes na poesía de Florencio. Despois será ese alumnado o que constrúa os lemas que estarán na entrada do Teatro Lauro Olmo no photocall da gala.

En total participarán nesta actividade máis de douscentos alumnos e alumnas de seis centros de Primaria da
comarca de Valdeorras. O percorrido da actividade é o seguinte:
– CEIP Manuel Respino da Rúa: mércores 28 de setembro:
– CEIP Condesa de Fenosa do Barco: xoves 29 de setembro:
– CEIP Virxe do Camiño de Rubiá: venres 30 de setembro:
– CEIP Otero Pedrayo do Barco: xoves 06 de outubro:
– Colexio Divina Pastora do Barco: luns 10 de outubro:
– CEIP Julio Gurriarán do Barco, data por determinar.

No caso do CEIP Xosé Manuel Folla Respino de Vilamartín, como veciños da aldea de Florencio, a súa participación na gala centrarase noutro cometido que se desvelará na presentación do evento no mes de outubro. “O obxectivo é que toda esta rapazada, valdeorreses e valdeorresas do futuro, vivan como algo especial e sentíndose protagonistas os eventos do ano de Florencio”.

Imaxes: As Letras de Florencio.

Artigos relacionados

Back to top button