OurenseÚltima hora

Un singular obxecto medieval en marfil, “Peza do mes” do Museo Arqueolóxico de Ourense

O acto de presentación desta excepcional peza atopada en Xinzo está previsto para a tarde deste 13 de marzo ás 20h. na sala de exposición “Escola de Escultura” en San Francisco
Peza de marfil procedente das escavacións arqueolóxicas na rúa Santa Mariña de Xinzo de Limia./ Foto: Fernando del Río.

O primeiro que chama a atención nela é o material co que foi elaborada. É de marfil, algo moi pouco habitual no marco arqueolóxico galego, “co cal o primeiro que temos que deducir é que se trata dunha importación”, di o investigador Manuel García Valdeiras sobre un obxecto de marfil considerado medieval que se atopaba durante as escavacións arqueolóxicas na rúa Santa Mariña de Xinzo de Limia, entre marzo e abril de 2016.

O estudo dos materiais arqueolóxicos atopados nesa intervención “mostrou un claro nivel de ocupación de época flavia (último terzo do s. I d.C.) e un revolto medieval/moderno do que destaca pola súa excepcionalidade a peza de marfil, unha das escasas mostra de eboraría medieval rexistrada en contexto arqueolóxico en Galicia a pesar de que a peza foi rexistrada durante a fase de control das últimas remocións e, polo tanto, fóra de contexto estatigráfico definido”, matiza García Valdeiras.

Este singular obxecto vén de ser escollido como “Peza do Mes” de marzo polo Museo Arqueolóxico de Ourense. A súa presentación, que correrá a cargo de Manuel García Valeiras, está prevista para a tarde deste mércores 13 de marzo ás 20h na sala da exposición “Escolma de Escultura” en San Francisco (Ourense).

Nesta intervención explicarase esta peza, cuxa morfoloxía indica que se trata dun obxecto de xogo, e máis en concreto crese que se trata dunha peza de xadrez e, “tendo en conta o contexto da contorna inmediata coa inmediatez á necrópole románica, debemos presupor unha cronoloxía medieval”, sinala García Valdeiras na publicación editada polo museo sobre este obxecto.

Artigos relacionados

Back to top button