A ponte de Éntoma (O Barco), lugar de paso de peregrinos, e a carón das figuras de lousa que dan a venida aos camiñantes, era o lugar elixido para presentar o I Foro Camiño de Inverno por Valdeorras ‘Camiño, paisaxe e viño nas terras do Sil’, unha iniciativa promovida pola Ruta do Viño de Valdeorras que pretende “dar a coñecer a contorna de Valdeorras e a súa paisaxe, e achegarnos á súa historia a través do mundo do viño utilizando o Camiño de Inverno como elemento vertebrador das actividades que se levarán a cabo”, tal como explicou o presidente da entidade, Joaquín Sánchez.
A celebración deste foro conta co ao apoio da Xunta, a través da Axencia de Turismo de Galicia no marco do Xacobeo 2021-2022, do C.R.D.O. Valdeorras e dos concellos do Barco e A Rúa, que acollerán cada unha das xornadas que compoñen o seminario, os días 8 e 15 de outubro.

Ámbalas dúas xornadas, con ponencias pola mañá a cargo de estudosos e profesionais da historia, a cultura ou o mundo do viño e visitas guiadas pola tarde para coñecer o Camiño de Inverno por Valdeorras e gozar da paisaxe e dos viños da comarca, estarán dirixidas a profesionais do mundo do viño, principalmente empresarios do sector turístico e representantes de entidades de promoción turística, o foro tamén está orientado aos traballadores do ámbito do turismo, en xeral, e a aqueles que desenvolven a súa actividade no campo do desenvolvemento rural. Porén, tal e como destacó Sánchez na rolda de prensa, “peregrinos e peregrinas, persoas de Valdeorras e público en xeral serán tamén benvidos á iniciativa”, que se desenvolvesé en dous seminarios-taller independentes. O primeiro, o 8 de outubro na Casa do Río Cigüeño no Barco de Valdeorras co título ‘Enoturismo no Camiño de Inverno por Valdeorras’, e o segundo, o 15 do mesmo mes, no Centro Cultural Avenida da Rúa co título ‘Viño, tradición e historia no Camiño de Inverno por Valdeorras’.
Á presentación, celebrada na mañá deste xoves 15 de setembro tamén asitían o presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, José Luís García Pando; o alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García; e o alcalde da Rúa, Álvaro Fernández, e alí destacaron que con esta iniciativa, a Ruta do Viño de Valdeorras quere fomentar o fluxo de visitantes á nosa zona, porque “cada un deles é susceptible de converterse logo en embaixador da nosa terra, da nosa gastronomía, do noso patrimonio e, por suposto, dos nosos viños”, dixo o presidente, concluíndo que cren que “potenciar o Camiño de Inverno, unha gran ruta xacobeo todavía descoñecida polo gran público, constitúe un modo extraordinario de fomentar a chegada de visitantes á nosa comarca”.
Pola súa banda, o presidente do Consello Regulador indicou que “temos un gran recurso turístico na comarca, que non está suficientemente explotado a deía de hoxe: o Camiño de Inverno. É necesario traballar para poñelo en valor como se merece”. Mentres, o rexedor da Rúa, Álvaro Fernández, convidou a todos os interesados a participar no foro e destacando que a iniciativa axudará a “potenciar turisticamente o sector vitivinícola da zona: adegas, viños, paisaxes e, por suposto, covas”. Finalmente, Alfredo García, alcalde do Concello do Barco de Valdeorras puxo en valor “a unión entre os municipios e o sector empresarial da comarca para poñer en valor os moitos atractivos de Valdeorras. E un deles é, por suposto, o enoturismo. Totos xuntos seremos capaces de levar adiante o proxecto de turismo para esta comarca”.
Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.