ConcellosEn portadaÚltima horaVídeos

Valdeorras despide a Antonio Castro Voces nun emotivo funeral en Quereño (Rubiá)

 

Valdeorras, a comarca que tanto quixo e que sempre reivindicou, dáballe o seu último adeus ao historiador Antonio Castro Voces, nun sentido e emotivo funeral que se oficiaba ás catro e media desta tarde na igrexa de Quereño (Rubiá), a súa localidade natal.

 

 

Castro Voces falecía o pasado 17 de xaneiro aos 68 anos de idade no Hospital Nacional de Tetrapléxicos de Toledo. A súa capela ardente instalábase o 18 de xaneiro no Tanatorio Santa Rita do Barco, e neste domingo 21 de xaneiro, as súas cinzas chegaban á igrexa de Quereño, onde permanecían dende as 15h. Posteriormente tiña lugar a celebración relixiosa, cantada polo Padre Christopher José Vazques, párroco do Puente de Domingo Flórez, quen na súa homilía lembraba o importante labor realizado por Antonio Castro Voces, pero tamén a súa faceta humana, o seu vitalismo e tesón para impulsar a cabo proxectos e iniciativas en beneficio da sociedade e do seu entorno.

 

 

Tras a misa, á que asistían numerosas persoas, entre elas diversos representantes do mundo da cultura e da política da comarca, o Blas Eceiza, amigo de Castro Voces, portaba as súas cinzas ao salir do templo, mentres algúns dos primeiros alumnos da Escola de gaitas Aluveire de Quereño (un de cuxos promotores foi o historiador), interpretaba a “Marcha do antigo Reino de Galicia”. Ademais, unha amiga de Castro Voces do hospital de Toledo despedíao publicamente e, a continuación, procedíase a depositar as súas cinsas no panteón familiar de Quereño, onde repousará xunto aos seus pais Quico e María e a súa irmá Rosi.

 

 

Durante o acto, Blas Eceiza tamén anunciaba que no vindeiro verán os amigos de Antonio Castro Voces pretenden organizarlle unha homenaxe.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button